Segundo día de loito en Marín polos dous menores falecidos en accidente
Segundo día de loito en Marín polos dous menores falecidos en accidente
A Policía Local apunta a un exceso de velocidade como causa do sinistro
Segundo día de loito oficial no concello de Marín pola morte de dous menores veciños nun tráxico accidente de tráfico que conmocionou a vila.
As bandeiras ondean a media hasta. Tamén se suspenderon todas as actividades culturais, de lecer e deportivas, entre elas un torneo de fútbol no que ía participar unha das vítimas, que xogaba nun dos equipos do municipio.
A Policía Local de Marín apunta ao exceso de velocidade do coche en que viaxaban os dous mozos falecidos como a causa máis probable do sinistro.
O vehículo perdeu o control e acabou batendo contra un todoterreo que circulaba en dirección contraria. Rubén Farto, de 16 anos, e Brais Sestelo, de 17, ocupaban o asento traseiro, xusto onde se produciu o impacto.
O condutor do coche é un mozo de 20 anos, que saíu ileso e deu negativo no control de alcol e drogas. Diante ía outra moza, de 18 anos, que resultou ferida pero xa recibiu a alta, igual que os dous ocupantes do outro vehículo.