Once detidos nunha operación antidroga en Arousa, entre eles, Juan Carlos Santórum
Once detidos nunha operación antidroga en Arousa, entre eles, Juan Carlos Santórum
O dispositivo segue activo con rexistros domiciliarios en varios concellos da comarca
Santórum está pendente de xuízo pola súa presunta vinculación co macroalixo do buque Karar
Foi nunha gasolineira de Caleiro onde dous axentes de paisano arrestaban na tarde deste mércores a Juan Carlos Santórum. No operativo antidroga, liderado polos GRECO, producíronse dez detencións máis a presuntos colaboradores da rede. Rexistráronse tamén varios domicilios en Cambados, Vilanova, Vilagarcía e Ribadumia.
Algunhas fontes sinalan que se incautaron 50 quilos de droga, varios teléfonos móbiles e unha importante suma de cartos en efectivo. Arestora os sete detidos permanecen na comisaría da Policía Nacional de Pontevedra á espera do paso a disposición xudicial.
Hai tan só un mes Santórum fora detido noutra redada antidroga. O arousán está tamén á espera da celebración do xuízo da operación Karar, en que se comisaron catro toneladas de cocaína nun barco remolcador durante o confinamento. A Fiscalía Antidroga pide para el 18 anos de cárcere por ser o presunto líder que traería en planadoras o alixo ata Galicia. O xuízo non está sinalado aínda, pero está previsto que se celebre este ano.