Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Malestar e incredulidade" na familia de Déborah pola instrución do caso

"Malestar e incredulidade" na familia de Déborah pola instrución do caso

"Estannos tomando o pelo a todos os actuantes neste procedemento”

G24.gal 20/04/2023 11:15

A familia de Déborah Fernández-Cervera, a moza viguesa cuxo cadáver foi achado en maio de 2002 nunha cuneta na localidade do Rosal, manifestou “malestar e incredulidade” por diversas actuacións na instrución do caso, á que onte achegou un escrito con alegacións.

Así, respecto á resposta da Unidade Central de Delincuencia Especializada e Violenta da Policía Nacional, segundo a cal non pode achegar nova información sobre a acta de recollida do disco duro de Déborah nin sobre a análise do seu correo electrónico, a familia manifesta que só pode haber dúas lecturas.

“Unha primeira é que nos están tomando o pelo a todos os actuantes neste procedemento”, di a familia nun comunicado; a segunda sería que “faltarían á verdade” no oficio de 2019, no que “de modo claro e inequívoco” a policía afirma que levou a cabo un exame do correo electrónico de Déborah, a pesar de que naquela época non existían os teléfonos intelixentes.

Ademais, a familia solicitou que se unan á causa como peza de convicción os vestixios enviados pola policía tras o “achado” do novo cartapacio, que se lle sinale día e hora para proceder ao seu exame persoal e que se lles entregue as cintas e os o seis DVD obrantes coa copia dixital das cintas VHS.

A familia tamén manifestou que “resulta inadmisible” que, por parte da Policía Nacional, non se permita que estean presentes os peritos das partes na pericia encargada á devandita unidade para tentar o acceso ao terminal móbil “aparecido” nun cartapacio, polo que solicita que se permita a presenza dos peritos nas actuacións tendentes ao exame do teléfono móbil achado.

Por último, e respecto ao escrito presentado polo exmozo de Déborah, única persoa investigada na causa, no que se opón á declaración do doutor Aitor Curiel, autor do informe que determina que a causa da morte de Déborah é homicida, a familia e os seus avogados pregúntanse cal é o interese de que o doutor non declare se, como afirma a defensa, nada ten que ver cos feitos o exmozo de Deborah.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade