A frota galega gaña cota de pescada no litoral español ata as 9.201 toneladas
A frota galega gaña cota de pescada no litoral español ata as 9.201 toneladas
As posibilidades de pesca no Cantábrico e desde Fisterra a Tarifa increméntanse nun 84 % neste ano
O Goberno español cre que a decisión establece boas perspectivas para a campaña de 2023
O sector respira aliviado ante unha parte final do ano sen sobresaltos
Planas di que o recurso contra o veto á pesca de fondo se vai presentar "canto antes"
O ministro español de Agricultura e Pesca, Luis Planas, asegurou este luns que a cota de pescada sur para España para este 2022 vai crecer un 84 %, desde as 4.899 toneladas previstas nun primeiro momento ata as 9.201 toneladas.
Planas anunciouno á súa chegada á reunión de ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (UE) que se celebra en Luxemburgo.
Planas dixo que o ano pasado, ao fixar as posibilidades de pesca para 2022, considerouse que para a pescada sur, que se captura no Cantábrico e as augas do Atlántico desde Fisterra ata Tarifa, non había suficientes datos científicos.
"Nós obxectámolo o ano pasado e dixemos que era un 'stock' en perfecta conservación, onde era perfectamente posible continuar pescando. Os datos científicos, os informes, déronnos a razón e, por iso, podemos anunciar hoxe que se adopta a decisión de ampliación", expuxo.
Sinalou que o aumento ata as 9.201 toneladas "favorece 1.200 buques da frota pesqueira española, particularmente, da zona do Cantábrico e do golfo de Cádiz", e subliñou que a pescada sur é "unha das especies máis valoradas dentro, evidentemente, do mercado".
Detallou que entre 2014 e 2022, "a cota dispoñible diminuíra máis da metade".
"É dicir, a cifra das 4.899 toneladas era inferior ao 50 % da dispoñible en 2014. Conseguimos reverter unha tendencia negativa dos últimos 8 anos de decrecemento", constatou.
Así mesmo, dixo que o aumento da cota para 2022 "prexulga favorablemente" o referente á campaña de 2023.
Cando a finais do ano pasado se fixaran as cotas para este 2022, o presidente a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o burelense Basilio Otero, cualificaba aquel novo recorte como "un xerro de auga fría para a frota". Agora esta ampliación pode supoñer un alivio para eses mesmos barcos.
O sector pesqueiro aplaude a ampliación da cota
Será así unha fin de ano sen sobresaltos para os barcos que capturan pescada no caladoiro español. "As cantidades que había non daban para chegar a finais de ano, con esta ampliación poderán vir tranquilos para terra", explica o patrón maior de Fisterra, José Manuel Martínez.
A medida é positiva, pero tamén, di o sector, chega tarde, co ano practicamente rematado. Pero confían en que se manteña o próximo ano e que sexa o primeiro paso para acabar cos recortes nesta pesqueira. A cota reduciuse máis do 50 por cento nos últimos oito anos.
"Quere dicir que os científicos saben como está o stock e deben telo en conta a hora de recomendar o TAC", di o xerente adxunto de Arvi, Hugo González.
Son boas novas para a pescada, pero queda por resolver que pasará coa campaña da xarda. "O que oímos e que a comisión quere aprobar un TAC cero e sería desastroso", engade Hugo González.
A ampliación beneficia a frota da volanta, palangre de fondo, arrastre e artes menores. Son 1.200 buques en todo o caladoiro.