O sector agrario pide que o conflito do transporte non colapse o campo
O sector agrario pide que o conflito do transporte non colapse o campo
O Mercado de Gando de Amio, en Santiago, non se celebrou este mércores
A lonxa de Celeiro suspendeu a poxa por segundo día consecutivo
O paro no sector do transporte de mercadorías por estrada, que cumpre este mércores o seu terceiro día consecutivo, comezou a provocar problemas de desabastecemento no sector gandeiro, dado que non se está permitindo a chegada de camións coas materias primas básicas ás fábricas de pensos.
Transporte de materias primas para a elaboración e distribución de pensos, recollida do leite e de animais para sacrificio, saída dos produtos de horta ou traslado de animais mortos. Son algúns dos servizos que sindicatos e cooperativas agrarias piden que se fixen como mínimos imprescindibles e non se vexan afectados pola folga de transportes. Queren que se garanta a chegada dos alimentos aos puntos de venda e poder seguir dando de comer ao gando.
En declaracións a EFE, o presidente de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), José Ángel Blanco Purriños, explicou que “non están moi claro cales son os servizos mínimos nesta folga”, o que dificulta que as materias primas poidan chegar as fábricas de alimentos compostos, algunha das cales xa está desabastecida.
"Estase permitindo a entrada de leite" procedente das granxas ás industrias, explicou, pero logo non se está permitindo a saída dos produtos, co que se está provocando o “colapso” das fábricas, que quedan sen sitio para almacenar a produción.
O ministro de Agricultura, Luis Planas, fai tamén un chamamento para que os transportistas causen o menor trastorno posible nas cadeas de circulación do sector agrario.
O Mercado Nacional de Gando de Amio, en Santiago, non puido celebrarse este mércores. Ás tres da mañá un piquete facía garda á entrada do recinto, pero xa ningún transporte de animais se achegou ata o lugar.
Carmen Méndez, xerente deste mercado, explicaba no Bos días que "o Concello non secunda o paro e o servizo está aberto. Nós estamos aquí, pero non chegou ninguén". "Os usuarios xa estaban advertidos polo que pasou onte en Silleda ou en Pola de Siero, e sabían que aínda que viñesen non ían poder sacar o gando", afirmaba.
"Dependendo do que dure a situación, poderá haber problemas de desabastecemento", advertía a xerente de Amio.
En canto ao sector do mar, moitas lonxas manteñen este mércores unha actividade baixo mínimos, con escasas poxas. Na de Celeiro suspendeuse por segundo día consecutivo, ante a imposibilidade de sacar o peixe do porto.
"Teremos que parar, queiramos ou non"
Basilio Otero, da Federación Nacional de Confradías de Pescadores, advertía de que se o bloqueo do transporte continúa "teremos que parar, queiramos ou non". "Portos como Celeiro ou Burela, ou outros como Ribeira ou Vigo, a maior parte das súas vendas saen cara a toda a España, e se non hai transporte é o colapso da propia lonxa", explicaba no Bos días.
O xerente de Armadores de Burela, Miguel Neira, recoñeceu que a “situación” é de “desesperación total” neste porto, onde neste momento xa están almacenados uns 30.000 quilos de peixe, que poderían verse multiplicados por máis de tres a partir de mañá.
A situación do sector pesqueiro é especialmente complicada, dado que, no seu caso, súmanse “as dúas circunstancias”; por unha banda, “os custos excesivos e descontrolados dos combustibles”, que lastran a rendibilidade dos barcos que saen pescar, e agora os problemas loxísticos derivados do paro do transporte.