Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil investiga como intencionados a maioría dos 105 incendios de Asturias

A Garda Civil investiga como intencionados a maioría dos 105 incendios de Asturias

O presidente do Principado asegura que o 98 % dos incendios foron intencionados

As 20 persoas que tiveron que ser desaloxadas xa volveron ás súas casas

Os incendios propagáronse por zonas altas de monte baixo
G24.gal 30/03/2023 13:58

Cento cinco incendios simultáneos en 35 concellos de Asturias obrigaron a desaloxar esta noite vinte persoas, que hoxe xa puideron volver ás súas casas. A Garda Civil asegura que moitos dos incendios foron intencionados e está investigando posibles sospeitosos, aínda que de momento non hai detidos.

Xurdiron moitos focos á vez e as lapas se propagaron de noite por numerosas zonas altas de monte baixo, malia que moitos dos incendios eran de pequeno tamaño. O vento e a calor dificultan os labores de extinción, en que participan uns 500 efectivos, e non se prevén cambios que favorezan o traballo.

Para a Garda Civil, está claro que non son incendios fortuítos. Segundo o presidente do principado, o 98 por cento foron intencionados. 

"Mesmo xa hai presuntos sospeitosos de provocar estes incendios. O que podo asegurar ao conxunto dos cidadáns de Asturias é a contundencia na investigación, e que van pagar con todo o peso da lei, neste caso o Código Penal. Que non se engane ninguén, quen incendia un monte nestes momentos é un criminal", dixo Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias.

As vinte persoas que foron desaloxadas pola noite ante o risco de que as lapas chegaran ás súas vivendas xa puideron regresar ás súas casas. Langreo, Cangas de Onix, Villaviciosa, Cabrales ou Llanes están entre os 35 concellos  afectados.

Incendios en Castelló

O incendio que desde hai unha semana afecta o interior de Castelló enfróntase a un día de alto risco polo forte vento de poñente. Durante a noite as condicións meteorolóxicas foron moi favorables e non houbo novos incidentes, pero o vento de ata 70 quilómetros por hora que se agarda para hoxe e a baixa humidade poden provocar algunha repunta con efecto cheminea. Os bombeiros e a UME seguen arrefriando a zona para minimizar o risco e confían en manter o incendio perimetrado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade