A Illa de Arousa recupera a electricidade despois de máis de seis horas sen subministración
A Illa de Arousa recupera a electricidade despois de máis de seis horas sen subministración
Un incendio nos cables da ponte produciu un corte de subministración ás once da mañá
Os cables que levan a subministración eléctrica dende o continente ata A Illa de Arousa arderon esta mañá.
Son seis cables que van polo interior da ponte e que se queimaron todos no mesmo punto.
Polo de agora descoñécense as causas do suceso pero descártase que o incendio fose intencionado.
A avaría deixou a illa sen luz algo máis de seis horas, dende as 11 da mañá ata ben pasadas as cinco da tarde.
Aos máis vellos da Illa cústalles recordar cando foi a última vez que estiveron tanto tempo sen electricidade. Din que desde hai case corenta anos, cando se construíu a ponte que os une a terra, apenas houbo cortes.
A luz chégalles a través dos cables que hai baixo a ponte. Esta vez o que pasou foi que houbo unha explosión nun dos cables, incendiouse e propagouse aos outros cinco.
A Illa non quedou ás escuras porque era día, pero a vida cotiá quedou interrompida.
Pouco puideron facer bares e restaurantes. A hostalería foi o sector máis prexudicado. Moitos tiveron que mandar de volta os comensais.
Tamén tiveron problemas o resto de negocios, sen luz, a caixa rexistradora non funciona. Así, houbo atrancos para tendas, farmacias ou salóns de peiteado.
Os poucos que se salvaron foron os mariscadores, a lonxa funcionou con normalidade porque ten un xerador.
Tras máis de seis horas, e unha ducia de operarios traballando, volvía a subministración, e con ela esvaecíase a preocupación de perdas maiores.