A segunda estrela Michelin xa loce no Pepe Vieira
A segunda estrela Michelin xa loce no Pepe Vieira
"Este é o ano máis potente da miña carreira", asegura emocionado
"A segunda estrela Michelin é o premio a moitos anos de esforzo"
Foto de equipo de dúas estrelas Michelin, que son as que dende hoxe xa locen no restaurante Pepe Vieira. O seu chef, Xosé Cannas, continúa emocionado, agradecido e abrumado polas mostras de cariño.
"Estou intentando aínda contestar unha morea de whatsapps que teño no teléfono. Intento contestar a todo o mundo", apunta Xosé Torres Cannas, chef do restaurante Pepe Vieira.
Hoxe os fogóns prendéronse con máis ledicia, pero non con máis ilusión. Levaban anos traballando forte para conseguir este biestrelato.
"Para nós sempre foi unha espiña cravada que queriamos sacar. Estabamos xa nun nivel que nós xa considerabamos que o estabamos pelexando moi duro".
Ademais do plus de responsabilidade, no Pepe Vieira son conscientes da nova proxección agora máis internacional. Con todo, hai cousas que non poden cambiar.
"Un dos valores máis importantes que temos aquí no Camiño da Serpe", explica o chef, "é precisamente poñer en valor todo o que está ao noso redor".
Ten claro que "non pode ser doutra maneira, nós vivimos nun lugar, como xa vedes a través das ventás, que é excepcional, cunha natureza brutal, e para nós transmitir iso na nosa gastronomía é o noso piar", continúa o chef.
Agora que xa están en marcha moitos dos novos proxectos hostaleiros nos que embarcou, a primeira decisión que tomou non pechar este inverno máis que 15 días e non 3 meses como adoitaba facer.
O chef confesa estar vivindo un momento único que hai que aproveitar.