A xuíza volve pedirlle á Garda Civil un informe sobre o disco duro de Déborah
A xuíza volve pedirlle á Garda Civil un informe sobre o disco duro de Déborah
Peritos dunha empresa especializada en ciberseguridade determinaron que accedera a el alguén experto en alterar e borrar datos unha vez que xa estaba o ordenador baixo custodia da policía
A xuíza de instrución de Tui ditou unha providencia na que solicita un 'contrainforme' do Departamento de Enxeñería do Servizo de Criminalística da Garda Civil acerca do disco duro de Déborah Fernández.
A dilixencia tramítase tras ratificar os peritos da empresa Lazarus Technology que o dispositivo foi manipulado por alguén experto para alterar e borrar datos, nalgún momento tras ser recollido pola Policía en 2006.
Estes peritos ratificaron as súas conclusións o pasado 26 de maio ante a xuíza, que pediu un novo informe ao Grupo EDITE da Garda Civil de Pontevedra. Este servizo respondeu á xuíza que debía dirixirse ao Departamento de Enxeñería de Criminalística, porque o EDITE non pode facer o tipo de informes periciais que requiriu (precisan a firma de dous axentes con habilitación de especialistas e a posterior revisión dun director técnico).
Por iso, a maxistrada solicitou a ese departamento de Criminalística este novo informe. Con todo, o disco duro do computador de Déborah xa pasou no seu día polas mans dos axentes, tanto do EDITE como de Criminalística.
Os axentes do EDITE tentaron clonar o disco duro en setembro de 2020, pero non o conseguiron e, de feito, o dispositivo comezou a botar fume, polo que tiveron que desistir. Días despois, enviouse ao aparello a Madrid, a Criminalística, que elaborou un informe en que os expertos sinalaban que non fora posible acceder á información porque o chip de memoria estaba "danado ou defectuoso".
Por iso, a familia de Déborah Fernández acolleu con "sorpresa" a decisión da xuíza de solicitar unha nova dilixencia, a uns especialistas que xa se pronunciaron sobre o disco duro, e despois dun informe "exhaustivo" de Lazarus con conclusións "claras, contundentes e que non admiten dúbida algunha".
"Volvemos a setembro de 2020", lamentaron, e reiteraron que non entenden "o motivo" polo que a instrutora pide agora á Garda Civil que "revise" as conclusións dos expertos de Lazarus, unha dilixencia que "non pediu ninguén".