Cae o cártel de Sinaloa en España, coa incautación de 1.800 quilos de metanfetamina
Cae o cártel de Sinaloa en España, coa incautación de 1.800 quilos de metanfetamina
É o maior alixo comisado desta substancia en España e o segundo maior de Europa
A investigación comezou hai un ano cunha detención en Tenerife
A Policía Nacional interveu 1.800 quilos de metanfetamina nas provincias de Valencia e Alacant, desarticulando así a infraestrutura do cártel de Sinaloa en España. A cantidade intervida supón a maior de España e segunda máis grande de Europa relativa a esta sustancia.
Segundo informou a Policía, con esta operación desmantélase o principal punto de abastecemento de drogas de síntese de toda Europa, o cal operaba desde Tenerife, Madrid, Valencia e Alacante.
Ata un total de cinco persoas foron detidas ata o momento: 3 de nacionalidade española, 1 cidadán romanés e outro mexicano. Os 5 detidos na redada estaban encargados de recibir, almacenar e distribuír a droga que pertencía ao cartel mexicano de Sinaloa.
A investigación policial iniciouse hai un ano coa detención en Tenerife dun primeiro membro da banda con 27 quilos de cocaína agochados en dúas lavadoras.
Tirando do fío, os axentes da Policía Nacional chegaron ata un chalé da localidade alacantina de Villena onde localizaron os 1.800 quilos de metanfetamina. Nesta vivenda foi arrestado un cidadán mexicano relacionado co cartel de Sinaloa e na veciña localidade de Puçol catro persoas máis.
“O que se desmantelou por completo foi un grupo de transportistas e de loxística, encargado principalmente da recepción, almacenamento e distribución de metanfetamina”, sinalou a Policía na rolda de prensa celebrada hoxe, na que participaron responsables da Unidade de Drogas e Crime Organizado da Comisaría Xeral da Policía Xudicial, así como das xefaturas superiores de Canarias e da Comunidade Valenciana.
O destino da droga era o centro de Europa e vendida en doses os narcotraficantes obterían un beneficio de varias decenas de millóns de euros. A operación continúa aberta e a policía segue a pista de varios membros máis deste grupo de narcotraficantes polo que non se descartan novas detencións.