Fariña: "O problema é que non volvan confiar no produto do mar galego"
Fariña: "O problema é que non volvan confiar no produto do mar galego"
O presidente da Asociación Galega de Depuradores asegura que a crise dos pellets provocou unha importante caída do consumo
O colectivo, xunto ás confrarías de pescadores, acaban de lanzar unha campaña para promover a venda de peixe e marisco
As confrarías de pescadores e a Asociación Galega de Depuradores de moluscos (Agade) acaban de poñer en marcha unha campaña para o fomento do consumo de peixe e marisco ao constatar unha importante caída das vendas pola chegada dos pellets ás costas galegas.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da TVG, o presidente de Agade, Roberto Fariña, constata unha redución importante no volume de vendas.
"Estanse a valorar os primeiros datos pero estamos falando de entre un 40 e un 50 % de caída provocada, sobre todo, por unha mensaxe catastrofista da situación dos pellets, cando non ten afectación sobre os produtos do mar".
Por iso, pretenden "relanzar esa venda, totalmente necesaria para un sector primario e industrial con grande importancia dentro do PIB galego".
"O obxectivo desta campaña é fomentar o consumo dos produtos da pesca, da transformación, depuración, por unha importante caída no volume de vendas. Certo é que esta caída xa vén do 2023, pero impulsada, cunha caída moito máis forte, a raíz desta crise dos pellets. Unha crise que realmente non ten afectación sobre os produtos da pesca, pero si está afectado aos sectores pesqueiros".
A difusión vaise facer a través dos medios de comunicación e das redes sociais baixo o lema "Consume do noso". Segundo explica Fariña, o principal obxectivo é transmitir que os produtos do mar galegos "contan cunha garantía sanitaria plena e gozan da mellor calidade".
"O consumidor pode estar totalmente tranquilo. O produto é un produto seguro. As nosas empresas son garantes de poñer no mercado un produto totalmente apto pero están sufrindo os efectos dunha ampliación das noticias que veñen da problemática dos pellets".
Recoñece que a mortaldade do marisco por mor dos temporais provocaron unha caída histórica da produción no 2023. Malia e todo, asegura temer máis ás consecuencias da "crise dos pellets".
"Hai unha preocupación polo descenso de produción (...) pero agardamos volver nuns meses aos niveis anteriores. Os mercados seguen a estar abastecidos. Pero o que nos preocupa non é só a produción, senón a caída das vendas provocada por certa alarma. Porque o gran problema é que o consumidor deixe de confiar no produto galego e opte polo doutras comunidades".