Condenan os armadores e o patrón do Safrán polo afundimento en que faleceron dous mariñeiros
Condenan os armadores e o patrón do Safrán polo afundimento en que faleceron dous mariñeiros
Os tres condenados recoñeceron os feitos e aceptaron unha condena de nove meses de prisión por un delito de homicidio por imprudencia
O Safrán naufragou en 2014 fronte á costa francesa e vasca, onde segundo o escrito de acusación navegaba con sobrecarga e coas trapelas abertas
Os dous armadores e o patrón do buque Safrán foron condenados por un delito de homicidio por imprudencia. O volanteiro, con base en Burela, afundiuse hai nove anos fronte á costa francesa e vasca. Morreron dous tripulantes.
O xuízo previsto para este martes na Audiencia de Lugo non chegou a celebrarse. Os procesados chegaron a un acordo de conformidade polo que aceptan nove meses de prisión. A pena suspéndese se non volven delinquir nese tempo. A investigación determinou que o barco saíu ao mar con sobrecarga e as trapelas abertas.
Os tres procesados admitiron que cometeron ese delito de homicidio por imprudencia grave, dado que eran coñecedores das circunstancias que, segundo apunta o escrito do Ministerio Público, levaron ao afundimento do Safrán fronte ás costas de Donostia.
No escrito, o fiscal sinala que os tres acusados coñecían que o Safrán "saíu xa sobrecargado do porto de Burela", onde iniciou a súa última faena, polo que "parte da popa da cuberta principal" quedaba a nivel de liña de auga e, mesmo, por baixo, impedindo a evacuación de auga.
Paralelamente, o barco partira xa de porto coas portas do costado para lanzar o aparello abertas, algo que era "práctica habitual" en momentos nos que o mar estaba en calma. Do mesmo xeito, as aberturas de estribor para evacuar a auga do parque de pesca tiñan colocado un funil empregado para desfacerse das vísceras do peixe e, por tanto, retirada a válvula antirretorno. Con iso, facilitouse a entrada de auga.
O Safrán, pesqueiro con base en Burela, foi a pique "en poucos minutos" a noite do 29 de novembro de 2014, con seis tripulantes a bordo. Os catro que estaba en cuberta puideron saltar á auga e ser rescatados por outro buque, pero os dous que se atopaban nos camarotes non puideron saír, dada a rapidez do sinistro.
Ambos os mariñeiros, un veciño de Burela e outro de Viveiro, foron declarados oficialmente falecidos, aínda que os seus corpos nunca chegaron a recuperarse.
O 2014 foi un ano negro para a pesca galega, que contabilizou ata 24 falecidos. O sinistro máis grave fora o do pesqueiro Santa Ana, que embarranco e afundiu preto do cabo de Peñas, en Asturias, e onde morreran oito dos seus nove tripulantes.