Confirman 800 casos da varíola do mono en España, 7 deles en Galicia
Confirman 800 casos da varíola do mono en España, 7 deles en Galicia
A enfermidade está afectando tamén nenos maiores de 3 anos
Os casos distribúense en 16 comunidades autónomas e 7 deles son en Galicia
792 casos son de homes e 8 son mulleres
A Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (Renave) confirmou, ata a data, 800 casos de varíola do mono en España en persoas de 3 a 67 anos.
Segundo o informe que distribúe Sanidade do Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias (CCAES) con datos da rede, os casos notificados proceden de 16 comunidades autónomas.
Das 800 persoas que resultaron infectadas, 792 son homes e 8 mulleres, cunha idade que oscila entre 3 e 67 anos, o que sitúa a media en 37 anos.
No informe aclárase que hai un atraso na notificación de casos á plataforma de seguimento, polo que "os datos correspondentes aos últimos días da curva deben ser interpretados con cautela".
Así, o informe do CCAES apunta que a Comunidad de Madrid rexistrou ata a data 436 casos, mentres o goberno rexional indicou hoxe que se certificaron 773 casos de varíola do mono desde que comezou o gromo hai xa dous meses.
Os casos que recolle o CCAES repártense en: Cataluña (130), Andalucía (105), Canarias (41), País Vasco (20), Baleares (14), Comunidade Valenciana (12), Aragón (10), Galicia (7), Asturias (7), Castela e a Mancha (6), Navarra (4), Castela e León (3), Estremadura (2), Cantabria (2) e Murcia (1).
En total, 406 tiveron manifestacións clínicas e destes 25 pacientes (6,2 %) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico. As máis frecuentes foron as infeccións bacterianas secundarias e as úlceras bucais.
O informe engade que só 24 casos foron hospitalizados, sen producirse ningún falecemento.
De 273 casos dos que se dispón de información sobre o mecanismo de transmisión máis probable, o 93,4 % foi por contacto estreito no contexto de relacións sexuais de alto risco e 6,6 % por contacto estreito non sexual, segundo o CCAES.