Continúan as tarefas de busca do pescador caído ao mar en augas do Cantábrico
Continúan as tarefas de busca do pescador caído ao mar en augas do Cantábrico
O mariñeiro caeu ao mar arrastrado polas redes do pesqueiro en que traballaba, que participa na costeira da anchoa
Por mar e aire continúa a busca do mariñeiro do pesqueiro galego Novo Xoel que caeu ao mar mentres pescaban a cinco millas ao norte de San Vicente de la Barquera.
Tres embarcacións, tres helicópteros e o avión de Salvamento Marítimo uníronse a primeiras horas da mañá ao dispositivo de busca do mariñeiro desaparecido que durante a noite mantivo activo outros dous barcos, o Alonso de Chaves e o Esperanza del Mar.
A zona que rastrean está situada a cinco millas náuticas ao norte da localidade cántabra de San Vicente de la Barquera, último posicionamento do pesqueiro Novo Xoel no que traballaba o mariñeiro desaparecido.
En Camariñas, porto base do pesqueiro, séguense con preocupación os traballos de busca.
"Que che marche un home de a bordo e que non poidas recuperalo ten que ser un pau para quen lle pase".
No momento do accidente o mariñeiro desaparecido levaba posto o chaleco salvavidas e vestía traxe de augas.
Sobre as causas, todo parece indicar que puido ser arrastrado cando o barco largaba o aparello, pero todas as hipóteses permanecen abertas.
"No mar non se pode saber, ti podes contar unha cousa eu podo contar outra, outro pode contar outra, pero no mar é difícil saber o que pasou".
Este é o segundo accidente dun pesqueiro en augas de Cantabria no mes de abril.
O día 3 naufragaba o Vilaboa 1 co tráxico resultado de tres mariñeiros mortos e un desaparecido.