Caso Déborah: declarará o perito que acredita homicidio ou asasinato
Caso Déborah: declarará o perito que acredita homicidio ou asasinato
A familia pide novas probas de ADN do imputado
Ábrese unha nova esperanza para a familia de Déborah Fernández Cervera. A maxistrada do caso citou a declarar o perito forense que acredita que a morte da moza foi un asasinato. Tamén hai dúbidas sobre as mostras de ADN do único imputado, por iso a familia pide que se repitan.
A declaración de Aitor Curiel nos xulgados de Tui será por videoconferencia o 8 de xuño. Afondará nas lesións que presentaba o corpo da moza, sinais de defensa e síntomas claros dunha asfixia que, segundo a irmá, non é algo fortuíto senón que precisa tempo e esforzo por parte do homicida.
A defensa do imputado negárase a esa declaración pero a maxistrada obviou a súa petición. A familia da vítima acaba de pedir que se repitan as probas de ADN do imputado, xa que a practicada en 2002 carece de cadea de custodia e a de 2010 non se chegou a analizar.
Segundo a familia, é un dos múltiples erros ou perdas que se cometen no que afecta ao imputado, como non investigar o videoclub máis próximo á súa casa.
Logo de vinte e un anos de desolación a familia ve máis preto a posibilidade dun xuízo contra o investigado e probablemente outro sobre o que parece ser unha investigación errática.