Denuncian que un cliente os intoxicou cun biscoito de marihuana
Denuncian que un cliente os intoxicou cun biscoito de marihuana
O propietario do bar, súa nai e unha amiga remataron no hospital con sobredose
Descoñecen a intención do seu cliente, que non lles advertiu que o doce contiña droga
Di David que non lle quedan ganas de tomar biscoito na vida. O último, asegura, foi o regalo envelenado dun cliente habitual, que apareceu no bar ofrecéndolles unha sobremesa caseira. El, súa nai e unha amiga probárono con toda a confianza, sen notar sabor raro.
"O único que dixo foi que era de chocolate e améndoas, en ningún momento nos dixo nin notamos que tivese substancias", explica David Rozados Reboredo, propietario do bar A Meiga, en Santiago.
Ao pouco tempo comezou a sentirse mal, paralizado e mareado. Pensaron que lle daba un infarto e chamaron unha ambulancia. No hospital cos mesmos síntomas acabaron súa nai e a amiga. Alí dixéronlles que tiñan sobredose de marihuana e caeron en que os tres comeran o biscoito. O susto foi monumental, súa nai está a tratamento contra o cancro e a amiga collera o coche co seu bebé, sen saber que estaba drogada.
"Afortunadamente deixara de darlle o peito. Xa nos comentaron os médicos que como lle dera leite o neno as consecuencias poderían ser moi graves", di David.
Ante a gravidade do sucedido, David púxose en contacto co cliente para pedirlle explicacións.
"Escribinlle porque tiña o seu contacto de Instagram e dixo que o biscoito non o fixera el, que o mercara súa irmá nunha pastelaría", engade David.
Xa denunciou os feitos ante a Policía Nacional, que anda á procura do presunto culpable da intoxicación. Sexa broma, irresponsabilidade ou delito, o que agarda é que nada así volva suceder.