Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un veciño de Narón como suposto autor da morte de Elisa Abruñedo ocorrida hai dez anos

Deteñen un veciño de Narón como suposto autor da morte de Elisa Abruñedo ocorrida hai dez anos

A investigación está baixo segredo sumarial e polo momento non transcendeu a identidade da persoa detida nin se coñecía a vítima

Segundo puido saber TVG, o ADN do detido podería corresponder cos restos de saliva atopados no corpo da vítima

G24.gal 17/10/2023 13:49 Última actualización 17/10/2023 15:10

A Garda Civil detivo en Ferrol un home, veciño de Narón, de 49 anos, como suposto autor da morte de Elisa Abruñedo, ocorrida en Cabanas o 1 de setembro de 2013. Segundo puido saber TVG, o ADN do detido podería corresponder cos restos de saliva atopados no corpo da vítima.

A investigación, desenvolvida por axentes da Comandancia da Coruña e da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, está dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol e está baixo segredo sumarial.

Elisa Abruñedo, quen daquela tiña 46 anos, foi violada e asasinada a navalladas a apenas 200 metros da súa casa en Lavandeira, no concello de CabanasSaíra pasear pola contorna como adoitaba facer. Ese día, como ía soa, elixiu un traxecto curto. Varios veciños vírona aquela tarde e algún incluso falou con ela.

Foi a súa familia a que deu a voz de alarma ao non regresar á casa. Como pasaba o tempo e non regresaba, o marido de Elisa e os seus fillos saíron buscala. Á súa procura sumáronse durante toda a noite veciños e a Garda Civil.

O corpo atopouse o día seguinte agochado entre maleza nunha pista forestal.

O marido de Elisa, Manuel Fernández, faleceu en 2015 nun accidente laboral no Arsenal Militar de Ferrol. O matrimonio tiña dous fillos, Adrián, o maior, e Álvaro.

En agosto do ano pasado a Garda Civil volvía ao lugar do crime, onde se despregou un equipo de homicidios para recoller probas. Tratábase do mesmo que conseguira resolver o caso de Diana Quer. 

A investigación centrárase inicialmente na contorna máis próxima da vítima e despois ampliouse o radio de acción. Trala incorporación da UCO á investigación, lograron illar un perfil xenético do autor e converteuse na principal pista coa que traballaban os axentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade