Publicador de contidos
Publicador de contidos

Doces de Entroido: os 'periquitos' de Ordes

Doces de Entroido: os 'periquitos' de Ordes

A orella era a preferida dos de Ordes ata este ano en que xa venden máis periquitos ca orellas

A masa fritida é similar ás das rosquillas de anís pero máis esponxosa

G24.gal 09/02/2023 20:28 Última actualización 09/02/2023 20:45

Orellas, filloas e flores colonizan estes días os escaparates das pastelerías galegas.

Os doces de Entroido son sabores antigos de receitas caseiras cos ingredentes que había en todos os fogares, como leite, manteiga e ovos. A diferenza nas preparacións orixinan delicias locais por todos os recunchos de Galicia, como os entroideiros periquitos de Ordes.

O xerente da pastelería Nogallás, José Luis Franco, explícanos que son:

"Os periquitos son como rosquillas que nalgúns lados se fan nós ou rosquillas, aquí sempre se fixeron como se fosen paus. Son doces fritos e moi calóricos, para correr o frío".

A mesma receita, cos mesmos ingredientes en proporcións diferentes ou con outra preparación pode dar distintas versións de delicias locais dun mesmo doce. José Luis enumera os ingredentes dos periquitos.

"Ovo, anís, reladura de limón, manteiga, aceite e fariña, amásase". 

Como ocorre con case todos os doces antigos ninguén sabe moi ben de onde vén a tradición.

"Son doces de toda a vida. Eu pregunteille a miña nai e dime que a ela lle ensinou a súa nai a facelo así, a tradición é de xeración en xeración".

Para os de Ordes, os periquitos son un rival máis que digno das outras larpeiradas do Entroido e, de feito, esta pastelería xa vendeu este ano máis periquitos ca orellas, que eran ata o de agora a larpeirada de Entroido preferida no concello.

As fins de semana previas ao Entroido, José Luis vende nun día quince cestos cheos a 14 euros o quilo. Unha ducia sae arredor dos dous euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar