Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chuvia provoca a derruba dunha fachada nun edificio abandonado en Ferrol

A chuvia provoca a derruba dunha fachada nun edificio abandonado en Ferrol

A comarca de Ferrolterra rexistra multitude de incidentes por mor dos fortes refachos de vento 

O inmoble estaba apontoado no barrio de Esteiro e provocou danos nos vehículos estacionados na rúa Carlos III

Inmobles derrubados no barrio de Esteiro, en Ferrol
G24.gal 16/01/2023 16:49 Última actualización 16/01/2023 18:20

O temporal parece que foi a puntilla para dous edificios antigos do barrio ferrolán de Esteiro. Contra as dúas da tarde deste luns, o forte vento e a auga caída en Ferrolterra axudaron ao colapso das vellas estruturas de madeira dos números 33 e 35 da rúa Carlos Terceiro.

Julián Reina, concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas conta como foi: "O número 35 derrubouse que contaba cunha declaración de ruína técnica e a obriga de solucionar os riscos e, ao derrubarse, tirou do 33 que tiña unha licenza de rehabilitación"

O xefe dos bombeiros de Ferrol, Aureliano Bacelo, supón que o temporal tivo moito que ver.

"Supoñemos que si, que ao mellor o vento e algunha outra circunstancia que se poida sumar como as patoloxías dos edificios, xa o dirán os técnicos. Sumando un pouco todo, si que caeu embaixo"

Inmobles derrubados no barrio de Esteiro, en Ferrol Inmobles derrubados no barrio de Esteiro, en Ferrol

As dúas fachadas e ambas cubertas non aguantaron malia estar apuntaladas.

"Son edificios antigos con características singulares e a falta de mantemento e os anos van derivando nestas cousas", explica Bacelo.

Non houbo feridos

Nun dos edificios, comezaron este luns os traballos de restauración. Afortunadamente, nese momento, non había traballador ningún no interior, porque era a hora do xantar. 

Os que non zafaron foron dous vehículos aparcados na rúa no momento da derruba. Para previr futuros danos, os servizos municipais manteñen acordoada a contorna tras pasar a tarde quitando das estruturas elementos de risco e retirando os entullos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade