Estréitase o cerco contra o autor do crime de Elisa Abruñedo en Cabanas hai 9 anos
Estréitase o cerco contra o autor do crime de Elisa Abruñedo en Cabanas hai 9 anos
Na zona onde apareceu o corpo despregouse o equipo de homicidios da UCO, o mesmo que conseguiu resolver o caso Diana Quer
Novidades na investigación do asasinato de Elisa Abruñedo, a muller de Cabanas violada e asasinada a navalladas hai agora nove anos.
Estréitase o cerco contra o autor do crime. As forzas de seguridade recolleron as últimas probas no lugar do crime. Despregouse na zona o equipo de homicidios da UCO, o mesmo que conseguiu resolver o caso Diana Quer, e está prestando labores de apoio á unidade da Garda Civil de Galicia que investiga o caso. O emprego de novas tecnoloxías está permitindo avanzar nas pescudas.
A Televisión de Galicia puido saber que un equipo especializado da UCO, a Unidade Central Operativa da Garda Civil, desprazouse a Galicia para recoller novas probas forenses no lugar onde apareceu o cadáver, unha pista situada a escasos metros da vivenda da vítima.
Os veciños do lugar observaron estes días unha maior actividade neste punto, que volveu estar novamente acordoado. Os investigadores están recollendo novas probas, coas que confían en resolver este crime e deter o presunto autor.
Desde a Garda Civil aseguran que levan nove anos traballando no caso, que nunca abandonan unha investigación.
Elisa Abruñedo foi violada e asasinada a navalladas o 1 de setembro de 2013 a apenas 200 metros da súa casa en Lavandeira, no concello de Cabanas. Saíra pasear pola contorna como adoitaba facer. Ese día, como ía soa, elixiu un traxecto curto. Varios veciños vírona aquela tarde e algún incluso falou con ela.
Foi a súa familia a que deu a voz de alarma ao non regresar á casa. Como pasaba o tempo e non regresaba, o marido de Elisa e os seus fillos saíron buscala. Á súa procura sumáronse durante toda a noite veciños e a Garda Civil.
O corpo atopouse o día seguinte agochado entre maleza nunha pista forestal.
A Garda Civil iniciou entón unha minuciosa investigación que desembocou nos últimos meses nunha campaña de cribados de ADN entre veciños da comarca de Ferrol para comparar o seu perfil xenético cos restos que deixou o asasino. Agora, cos novos indicios e o apoio da UCO, os investigadores agardan resolver o caso.
Durante todo este tempo, a familia de Elisa non perdeu a esperanza de que a investigación dese co responsable, e mantivo vivo o seu recordo para que o caso non caese no esquecemento.
"Deberon atopar unha pista nova"
Adrián Fernández, fillo de Elisa, explicaba esta mañá no programa Galicia por diante, da Radio Galega, que na zona nos últimos días "viuse movemento, tanto de axentes de paisano como uniformados". "Non sabemos exactamente o porque, pero deberon atopar unha pista nova", asegura.
"Polo menos temos o sentimento de que están traballando, que non nos deixaron de lado", afirma. "Esperemos que tarde ou cedo, apareza o culpable e pague", asegura Adrián.
Ante as cámaras dos servizos informativos da Televisión de Galicia, recoñecía que "esperanzas sempre hai, pero sobre todo gañas de que o collan". "Vese implicación dentro do Corpo [da Garda Civil] e que queren dar co culpable", afirmaba.
"Eu son cabezón, e aguanto o que sexa", aseguraba nesta entrevista para explicar que en todo este tempo non perdeu a esperanza de que os investigadores dean co autor do crime. "Eu son teimudo, aprendín de miña nai. Ela non se rendía. Era de tirar cara a adiante", explicaba.