Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estudan investigar por falso testemuño a familia do acusado de matar a Jessica Méndez

Estudan investigar por falso testemuño a familia do acusado de matar a Jessica Méndez

Declararon que non falaran coa familia da moza no día do suceso, pero unha testemuña asegura oír esa conversación

Europa Press. Beatriz Ciscar Europa Press. Beatriz Ciscar
G24.gal 13/03/2024 18:47

A Fiscalía estudará investigar por falso testemuño a nai e a irmá de José Eirín, o acusado de matar en marzo de 2022 a moza Jessica Méndez en Barro (Pontevedra), ao considerar que mentiron ao tribunal.

Ambas afirmaron, durante a terceira xornada do xuízo con xurado que se está celebrando na Audiencia de Pontevedra, que o día en que o coche de Eirín abateu o da vítima non falaron coa familia da moza, pero unha testemuña asegura oír esa conversación.

Esta muller, que non coñecía nin o acusado nin a vítima, foi unha das primeiras persoas en chegar ao lugar do accidente e relatou que a nai de José Eirín lle dixo ao irmán de Jessica que "non te poñas así, que mañá a túa irmá está a bailar cunha perna soa".

A testemuña, que asegurou que "por inercia" auxiliou o acusado e axudouno a saír do coche, relatou que José Eirín quedou observando a escena "coma se non sucedese nada" e que non o viu alterado "para nada" e que daba respostas "claras e rápidas".

A varias persoas que pararon para axudar chamoulles a atención que estiveron un intre buscando no coche de Jessica se tiña móbil ou se había algún dato que lles permitise avisar os seus familiares, tempo durante o que o acusado non lles dixo que a coñecía.

"Quedei impactada, porque se afastou do coche, mantívose á marxe e en ningún momento dixo que a coñecía", subliñou esta testemuña.

Pola sala tamén pasaron veciñas da zona que descoñecían este suposto acoso do acusado á vítima, aínda que tres delas si explicaron que era habitual velo paseando ata a casa dela e, ao chegar, dar a volta.

A nai e a irmá do acusado, pola súa banda, sinalaron que non tiñan constancia do suposto acoso que o seu irmán exercía sobre Jessica e que "había tempo" ambas as familias tiñan máis relación, pero no momento dos feitos eran "como veciños".

Na cuarta sesión do xuízo, prevista para este xoves, declararán os axentes da Garda Civil que investigaron o crime.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade