O turismo galego amosa a súas novidades para 2024 en Fitur
O turismo galego amosa a súas novidades para 2024 en Fitur
A diversificación da peregrinación, os xeoparques e a Illa de Tambo, entre as propostas da Xunta de Galicia
Os axentes galegos programan gastronomía, música e entroidos para o público na fin de semana
Agárdase unha edición récord en pleno auxe do sector turístico tras a pandemia
152 países participan nunha feira que este ano terá a Ecuador como un dos principais protagonistas
A Feira Internacional de Turismo, Fitur, arrinca este mércores, día 24 de xaneiro, en Madrid, onde o expositor institucional da Xunta de Galicia acollerá preto de medio centenar de presentacións que profundarán na calidade do destino galego e na súa capacidade para ofrecer propostas que axuden a diversificar a oferta.
Durante as xornadas profesionais, que se celebran desde o mércores ata o venres, tanto o Goberno autonómico como distintos concellos e entidades presentarán as súas novidades para 2024.
A diversificación da peregrinación, os xeoparques e a Illa de Tambo, entre as propostas da Xunta de Galicia
Entre outras, tal e como informou o Goberno galego nun comunicado, incluiranse algunhas da man da Xunta de Galicia para diversificar a peregrinación nos distintos itinerarios do Camiño de Santiago, presentaranse os xeoparques recoñecidos pola Unesco e algúns recursos de recente incorporación para a súa visita, como a Illa de Tambo.
O expositor de Galicia acollerá tamén as presentación que realizarán diferentes concellos e xeodestinos con algúns dos produtos e iniciativas xurdidos ao redor dos seus Plans de Sustentabilidade Turística, entre outras moitas propostas.
Conforme apuntou a Xunta, tamén haberá espazo de traballo habilitado para reunións de negocios, co obxecto de favorecer a dinamización da Agrupación Industrial Turismo de Galicia e os seus contactos comerciais directos.
Ademais, Galicia ofrecerá tamén distintas demostracións culinarias comentadas por profesionais da cociña galega e degustacións, previa reserva, entre outros, de produtos pertencentes a Galicia Calidade, Agacal ou Galicia Sabe Amar. Tamén se contará coa participación de alumnos e profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e habilitarase un espazo para mostrar o labor das redeiras e artesanía coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme.
A responsable de turismo de Galicia, Carme Pita, destacaba este mércores nunha entrevista no programa Galicia por Diante, da Radio Galega, a riqueza de recursos, hospitalidade, gastronomía e cultura do país, o que a converte nun referente nesta cita.
"Galicia é moi rica en recursos, hospitalidade, gastronomía, cultura..., e non podemos deixar de coñecela. A xente cando chega a Galicia góstalle repetir. Quen a coñece namórase", expresaba Pita.
Ademais, a Xunta destacou que apostará pola accesibilidade, coa presenza de intérpretes en linguaxe de signos. Durante a feira tamén está previsto que Galicia recolla a testemuña do País Vasco para asumir a coordinación da marca turística do norte peninsular, a España Verde, nun acto que se celebrará o xoves.
Actividades para o público na fin de semana e programación en directo
Durante a fin de semana, a actividade da feira abrirase ao público. O expositor de Galicia seguirá coas demostracións culinarias comentadas, catas e degustacións, e incluirase a animación a cargo de figuras representativos dos Entroidos.
Ademais, terán lugar as actuacións musicais de Mondra, o grupo Ailá e Lil Kids, a agrupación de danza urbana gañadora da novena e última edición de Got Talent España, cunha actuación dedicada ás meigas.
Nesta edición 2024, Galicia reivindicarase como un destino de calidade, sostible, diferenciado e respectuoso, e todas estas actividades levaranse a cabo no renovado expositor temático deseñado cun alto grao de orixinalidade ao redor dos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes.
A programación completa da actividade profesional no expositor da Xunta de Galicia está dispoñible na páxina de Turismo de Galicia, desde a que tamén se poderán seguir en directo, en streaming, algunhas das actividades programadas.
Agárdase unha edición récord en pleno auxe do sector turístico tras a pandemia
Fitur chega á súa edición número 44 como a primeira do mundo no sector por número de asistentes e participantes. Este ano, ademais, anticipa cifras récord en pleno auxe da industria tras a pandemia.
O recinto feiral Ifema dedica nesta ocasión nove pavillóns, un máis que o ano pasado, a un evento ao que acoden 9.000 empresas, 500 máis, no que haberá 806 expositores, un 7 % máis.
Os países participantes tamén aumentan en máis dunha vintena, ata 152, mentres que as perspectivas de público anticipan que uns 150.000 profesionais visitarán a feira entre o mércores e o venres e uns 100.000 asistentes de público xeral farano durante a fin de semana.
"As feiras son un espello dos seus sectores, e Fitur 2024 reflicte a través das súas cifras o crecemento do sector turístico global e o seu esforzo por consolidarse", sinalou o director xeneral de Ifema Madrid, Juan Arrizabalaga.
O turismo recuperou en todo o mundo cerca do 90 % do volume respecto ás cifras previas ao coronavirus, segundo as estimacións da Organización Mundial de Turismo (OMT), mentres que en España o número de visitantes internacionais xa está un 1 % por encima.
"España vai bater o seu récord histórico de visitantes, e é un orgullo poder dicir que deixamos atrás a pandemia", afirmou este martes o presidente do comité organizador de Fitur, Fernando Candela (Iberia), que anticipa un 2024 "polo menos tan bo" como o ano anterior.
A ministra voceira do Goberno Pilar Alegría resaltou a importancia para a economía española dun sector especialmente golpeado pola crise sanitaria, que representa ao redor do 13 % do PIB do país. O gasto turístico alcanzou o último ano a cifra "histórica" de 108.000 millóns de euros, resaltou.
Ecuador no foco
Ecuador preséntase este ano como país socio de Fitur, e a súa oferta turística será protagonista na feira. O país contará en Ifema cun expositor de 760 metros cadrados de superficie onde convivirán 48 coexpositores de catro rexións (Costa, Andes, Amazonía e Galápagos) e mais representantes de 16 gobernos autónomos.
Ecuador quere poñer en valor a importante conexión aérea con España, con máis de 14 voos diarios entre ambos os países, e aspira a que a súa participación en Fitur contribúa a incrementar nun 10 % a chegada de turistas españois.
A pesar dos últimos episodios de violencia que viviu o país, o subsecretario de Promoción Turística de Ecuador Diego Andrade asegurou que os visitantes poden esperar "paz e tranquilidade" durante as súas viaxes.
Accesibilidade e sostibilidade
Fitur fai este ano fincapé no turismo accesible e inclusivo coa súa sección 4all, dedicada a promocionar e fortalecer a oferta de destinos coas mellores prácticas nese eido.
Tamén presentará un observatorio de sustentabilidade, que durante todo o ano traballa para identificar accións que xeren efectos positivos, e nesta ocasión poñerá o foco na contribución do turismo á revitalización dos territorios.
Entre outras seccións especiais da feira, Fitur LGTB englobará a oferta dirixida a uns colectivos que representan máis do 10 % dos turistas no mundo, e Fitur Woman destacará o liderado feminino no sector.
O impacto da intelixencia artificial e outras novas tecnoloxías analizarase ao detalle nos eventos programados dentro da sección Fitur Techy.