Homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo, un ano despois do naufraxio
Homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo, un ano despois do naufraxio
Unha placa no paseo marítimo de Marín lembra os 21 mariñeiros mortos
Hoxe celébrase un acto en Pontevedra, onde vivían dous dos falecidos
Unha placa no paseo marítimo de Marín lembrará a partir de agora os náufragos do Villa de Pitanxo. Nela pódense ler os nomes dos 21 mariñeiros que morreron no afundimento do barco en augas de Terra Nova hai agora un ano.
Canda as familias dos falecidos, participaron na homenaxe o presidente da Xunta e varios membros do Goberno galego, así como representantes dos partidos políticos e outras autoridades provinciais e locais.
Tamén viaxaron a Galicia delegacións do Perú, de onde eran varias das vítimas, e do Canadá, o país que coordinou o rescate. O naufraxio do Villa de Pitanxo está considerado o peor accidente marítimo dun barco galego no último medio século.
Despois dese acto celebrouse un funeral de aniversario, ao que asistiron centos de persoas. As homenaxes sucederanse nos vindeiros días en todos os municipios onde residían os 21 falecidos.
Este sábado, en Pontevedra, descubrirán unha placa na súa memoria. Neste cidade vivían dúas das vítimas do naufraxio. Tamén está previsto que se fagan actos en Vigo, Moaña e Cangas.