Morren nove vacas en Rois por comer a planta da burundanga
Morren nove vacas en Rois por comer a planta da burundanga
Foi o veterinario quen confirmou a probable causa da morte dos animais
Ao parecer, entre a herba que comeron os animais había estramonio, a planta da que se extrae a burundanga, moi tóxica pola alta concentración de alcaloides que ten
O Concello pide a colaboración veciñal e abre unha conta bancaria para axudar a Manuel Rodríguez a recuperar a súa explotación
Un gandeiro de Urdilde, no concello de Rois, perdeu nove vacas, que morreron por comer a planta da burundanga.
É un planta invasora que soe medrar no medio do millo e que moitos descoñecen que pode resultar mortal por conter estramonio. Foi o veterinario quen confirmou a probable causa da morte dos animais.
Aínda moi afectado polo sucedido, Manuel Rodríguez acariña unha das cinco vacas que lograron sobrevivir á intoxicación por estramonio en que morreron outras nove. Apenas é quen de agradecer a colaboración de veciños e Concello de Rois para axudalo a refacer a súa pequena granxa na aldea de Quintáns, na parroquia de Urdilde. Unha conta bancaria aberta polo consistorio recibirá as achegas de quen queira colaborar para paliar a súa perda.
Nin dúas horas pasaran desde que deixou as súas 14 vacas pacendo, pero xa pouco había que facer cando volveu para a muxidura. Cóntao a súa veciña e amiga María do Carme Vázquez.
"Cando veu para muxir encontrouse co panorama de que as vacas faleceran, algunha aínda non, e outras bastante mal pero afortunadamente recuperáronse", explica. Segundo relata, "o veterinario dixo que posiblemente fose un veleno que houbese por aquí, e eu mirando para os comedeiros atopei a planta da burundanga, o estramonio, e el mirou no móbil e xa viu que era unha planta moi velenosa".
O estramonio é unha planta moi común que medra sobre todo en climas temperados. Coñecido, entre outros nomes populares, como herba do demo, ten follas grandes e anchas, flores habitualmente brancas con forma de embude e un froito ovalado con espiñas. É moi tóxico pola gran concentración de alcaloides que ten; del extráese a substancia coa que se fai a burundanga, droga coñecida tras ser detectada en casos de agresión sexual. Provoca alucinacións e pode chegar a causar a morte.
"As vacas estaban preñadas e quizais tiñan as defensas un pouco máis baixas, aínda que outras ao final recuperáronse", di esta veciña.
Agora Manuel trata de superar, coa colaboración da veciñanza, non só o golpe económico que provocou este accidente pero tamén o golpe anímico que supón para el esta perda.