Na próxima costeira do bonito barcos pequenos irán máis lonxe, en grupo e con bo tempo
Na próxima costeira do bonito barcos pequenos irán máis lonxe, en grupo e con bo tempo
Desde o sector calculan que se van beneficiar unhas catrocentas embarcacións que ata o de agora case non podían separarse da costa
A próxima costeira do bonito chegará cun importante cambio: os barcos máis pequenos que neste momento apenas podían separarse da liña de costa poderán ir mar a dentro na busca do peixe, pero con condicións: terán que ir en grupo e sempre que haxa bo tempo.
"Non é que antes non fosen os pequenos, pero tiñan unhas limitacións e con esta modificación o que podemos é estar un pouco máis lonxe da costa que en ocasións é onde está o bonito", explicaba este luns Basilio Otero, presidente da Federación Española de Confrarías, no programa A revista.
Coa modificación da normativa xa publicada, os barcos que queiran solicitar o cambio de actividade xa o poden facer. "É unha reivindicación na que levabamos tres anos traballando co Instituto Social da Marina, coa Secretaría Xeral de Pesca e coa Marina Mercante", di Basilio Otero, tamén patrón maior de Burela, o principal porto galego de descarga de bonito.
Os barcos de pesca local de 6,5 a 8,5 metros poderán ir ata as 30 millas e os de máis de 8,5 poderán chegar ata as 45. No caso das embarcacións de litoral, as de 9,5 a 15 metros poderán ir ata as 100 millas, que poderían ser ata 140 nos que miden máis de 15 metros.
"Sempre prima a seguridade nos barcos, que hoxe está garantida. Estamos no 2024 e tanto en comunicacións como alcance de evacuacións, no caso de ser precisas, mellorouse moito e do que se trata é adaptar a normativa, que estaba moi anticuada, ás novas posibilidades", explica Otero.
Ademais desas limitacións de distancia, tamén hai que ter en conta que o tempo debe ser bo, con ondas de non máis de dous metros e vento de menos de 30 km/h, e ademais sempre pescando acompañado por outros barcos.
"É só para a campaña do bonito", aclara o presidente da Federación Española de Confrarías. "Hai que ter en conta que no outono-inverno estas zonas nas que se traballa no verán son complicadas. E logo un factor importante, que é que o bonito adoitase pescar en pandillas que lle chamamos nós, en grupos de barcos, co que un barco nunca está só. É das poucas pesqueiras que se fai así".
O cambio na normativa permitirá a ampliar moito o espazo de pesca para a maior parte da frota: "Todos os anos apúntanse uns 500 barcos para ir ao bonito e isto vaille favorecer a máis de 400 barcos do litoral cantábrico", di Basilio Otero.
E con iso agardan mellorar os resultados das capturas, tras "un par de anos cunhas campañas algo raras. Este ano pasado e o anterior houbo que alongalas, e incluso chegou a non esgotarse a cota", conclúe.