Publicador de contidos
Publicador de contidos

Novo asalto vandálico a un cerqueiro de Portosín

Novo asalto vandálico a un cerqueiro de Portosín

Remexeron todo o interior para levar un extintor e comer os víveres da tripulación

A confraría vai poñer denuncia e pide máis vixilancia no porto 

 

G24.gal 09/07/2024 14:34

É a segunda vez no ano que este cerqueiro de Portosín recibe a visita dos vándalos. Desta volta non se dedicaron a roubar caixas ou chumbos na cuberta. Na madrugada do sábado romperon un pecho e tiraron ao chan a roupa, as ferramentas e a comida da tripulación.

" Si, comeron e beberon, e remexeron todo o que había, estaba a roupa tirada na cuberta. Que eu saiba só levaron un extintor, e non entendo para que, parece unha rapazada", di o patrón do Noemí Uno, Jesús Lorenzo Moledo. 

Por fortuna, di o patrón, non abriron a extintor dentro, xa que iso si sería unha verdadeira desfeita.

"Se o baleiraran dentro farían moito dano, temos ordenadores, centraliñas e aparatos que poden danar, mesmo poden afectar o motor", advirte o patrón.

Xa puxo cadeados nas portas, e está pensando en instalar cámaras de videovixilancia. O caso é non volver recibir máis visitas non desexadas no Noemí Uno.

"Cámaras teño que poñer seguro, é a segunda vez este ano, e a terceira en total. Xa me entraran hai tempo e daquela arranxar todo custou 2000 euros, e levaron todo o de aceiro inoxidable e chumbo que atoparon", lamenta Jesús.

Pola súa banda, a confraría de Portosín vai denunciar o sucedido ante a Garda Civil. Non queren que se repitan os asaltos e piden máis vixilancia, sobre todo nas noites da fin de semana cando os barcos non saen pescar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade