A muller ferida por un veciño que matou o seu home en Samos está fóra de perigo
A muller ferida por un veciño que matou o seu home en Samos está fóra de perigo
O presunto asasino pasará a disposición xudicial este domingo en Sarria
Está a ser investigado por un delito de homicidio e outro en grao de tentativa
Cinco horas levou o rexistro e a reconstrución dos feitos na escena do crime e tamén na casa do presunto homicida en busca da arma branca coa que acoitelou un matrimonio veciño, sen que polo de agora se localizase.
Ata a aldea de Lamas volveu este venres pola tarde o presunto homicida trasladado pola Garda Civil desde o cuartel de Samos, para recoller probas da execución do crime que acabou coa vida de Manuel López, de 82 anos, e que deixou ferida a Consuelo Ánguez, de 73.
A muller permanece, ingresada na UCI do hospital Lucus Augusti, onde foi operada de urxencia despois de ser agredida no pescozo e no torax e, segundo fontes médicas, non se teme pola súa vida. Na parroquia de San Mamede do Couto a veciñanza segue consternada.
Testemuño dun veciño
Para a instrución do caso, que leva o xulgado de instrución número 1 de Sarria, será fundamental o testemuño do veciño que acudiu a socorrer a Consuelo alertado polos berros e que conseguiu liberala do seu agresor. No caso do seu home, xa nada se puido facer porque faleceu nas cortes onde foi acoitelado.
Sobre os motivos da agresión os veciños e as autoridades confirmaron que xa se deran diferentes enfrontamentos previos e que as vítimas presentaran denuncia en contra do presunto homicida que os tiña ameazados, supostamente, por desavinzas cuns lindes.
Está previsto que o detido, de 49 anos, pase a disposición xudicial o domingo pola mañá. Está a ser investigado por un delito de homicidio e outro en grao de tentativa.