O suposto parricida de Guntín segue á espera de pasar a disposición xudicial
O suposto parricida de Guntín segue á espera de pasar a disposición xudicial
O arrestado pasou a noite no hospital Lucus Augusti de Lugo
Tras recibir a alta, foi trasladado á comandancia da Garda Civil
O detido como suposto autor do parricidio de Guntín ingresou onte á noite, segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no hospital Lucus Augusti de Lugo. Ao parecer, sufriu un ataque de ansiedade.
Tras recibir a alta, foi trasladado ás dependencias da Garda Civil, onde segue á espera de pasar a disposición xudicial.
O home, de 46 anos, está acusado de matar a seu pai, de 76, cunha arma de fogo no domicilio familiar que compartían. Ocorreu ás catro da tarde do venres no lugar de Martín, na parroquia de Entrambasaguas, nunha aldea pequena de apenas tres vivendas.
Foi un familiar o que deu aviso e os axentes detiveron o suposto agresor sen que opuxese ningunha resistencia. Fontes da investigación aseguran que o disparo se efectuou cunha escopeta de caza e que o detido está a tratamento psiquiátrico.
As forzas de seguridade traballaron na escena do crime durante horas. Polo momento aínda non transcendeu moita máis información sobre este suceso nin tampouco o posible móbil do crime.
Silencio e pesar
O sábado pola mañá apenas había movemento en Entrambasaugas. Casas pechadas, silencio e un pesar profundo entre a veciñanza dunha familia extremadamente querida. A incredulidade e a pena son os sentimentos que predominan ao falar do suceso.
Xente da contorna lembra que vítima e verdugo sempre andaban xuntos, nunca se vían con problemas e que foi o fillo quen coidou do pai durante unha grave doenza que o deixara practicamente sen movemento.
Por tratar de darlle unha explicación ao suceso, hai quen apunta a que o presunto parricida estaba a tratamento e que nos últimos días cambiara a medicación.
Presuntamente o crime cometeuse cunha das escopetas de caza que foran propiedade do falecido e que agora están a nome do arrestado.