O Concello de Murcia recoñece que hai máis locais con orde de peche e anuncia inspeccións
O Concello de Murcia recoñece que hai máis locais con orde de peche e anuncia inspeccións
A Fiscalía non descarta responsabilidades públicas
As inspeccións comezarán na zona das discotecas que arderon esta fin de semana. O concello de Murcia di que hai outros locais con orde de peche ou cesamento de actividade e quere verificar que non estean funcionando
Rebeca Pérez, vicealcaldesa de Murcia, explica que "por esa razón, de xeito urxente e inmediato imos cursar unhas inspeccións para verificar o cumprimento das ordes de cesamento e proceder ao peche do local e o precinto no caso de que non se executaran".
De momento apartou cautelarmente os funcionarios que interviñeron no expediente que ordenaba o peche de Teatre "por cautela e por razóns de prevención non?, engade a vicealcaldesa de Murcia. E anuncia novas medidas, segundo avance a investigación.
A Fiscalía non descarta responsabilidades públicas. José Luis Díaz Manzanera, fiscal superior de Murcia di que "iso é un dos aspectos que teremos que avaliar coa documentación que se nos remita. O posible responsable que omitise a súa obriga de actuar controlando que eses locais cumprisen coa legalidade".
Identificados xa os trece falecidos, os familiares comezaron a recuperar os corpos.
Pedro López Graña é o avogado das familias de dúas vítimas. Conta que "o primeiro vai ser tratar de axudar na repatriación ou na sepultura. E inmediatamente presentarémonos como acusación particular. A intención é que se depuren todas as responsabilidades porque hai varios posibles responsables".
A investigación segue. Coa recollida de probas na zona da traxedia e a toma de declaracións ás testemuñas do incendio.