Publicador de contidos
Publicador de contidos

O crime de Vilaxóan destapa un narcopiso cunha plantación ilegal de marihuana

O crime de Vilaxóan destapa un narcopiso cunha plantación ilegal de marihuana

Dúas persoas, supostamente inquilinas do inmoble, foron detidas en relación co cultivo da droga

O acusado de matar o seu cuñado a coiteladas o pasado venres iniciou unha discusión coa vítima nesta vivenda

O arrestado polo crime permanece en dependencias policiais á espera de pasar a disposición xudicial

G24.gal 27/04/2024 20:06 Última actualización 27/04/2024 21:06

O acoitelamento mortal de Vilaxoán deste venres destapou a actividade dun narcopiso no que había unha plantación ilegal de marihuana. Axentes da Policía Nacional entraron esta tarde na vivenda onde se iniciou a pelexa mortal. 

O rexistro prolongouse durante máis de tres horas coa axuda de efectivos do servizo municipal de emerxencias, que achegaron un remolque para trasladar as plantas de marihuana e todos os aparellos usados para o seu cultivo.

A dilixencia, coa autorización do Xulgado número 3 de Vilagarcía de Arousa, levouse a cabo en presenza dunha parella, supostamente inquilina do inmoble, detida en relación coa plantación nunha causa aberta á marxe do crime.

Dependencias policiais

O presunto autor do acoitelamento mortal permanece en dependencias policiais, á espera de pasar a disposición xudicial nas vindeiras horas. 

Os axentes localizárono nunha vivenda da Illa de Arousa o venres pola noite, un par de horas despois de que supostamente matara a seu cuñado dunha coitelada, preto da praza de abastos de Vilaxoán.

Antecedentes policiais

Segundo fontes próximas á investigación, o arrestado e a vítima, con idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos, contan con antecedentes policiais.

Ao parecer coincidiron no narcopiso de Vilaxoán, discutiron e o enfrontamento foi a máis na rúa xa que os dous implicados levaban armas brancas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade