O Iona, un dos cruceiros máis grandes do mundo, fai escala na Coruña con 4.400 pasaxeiros a bordo
O Iona, un dos cruceiros máis grandes do mundo, fai escala na Coruña con 4.400 pasaxeiros a bordo
O buque británico, con 345 metros de eslora, ten cabida para 5.200 pasaxeiros
O turismo de cruceiros bate marcas na cidade, con 137 escalas este ano e máis de 210.000 visitantes, a principal vía de entrada de turistas estranxeiros
Un total de 4.432 pasaxeiros a bordo e 1.760 membros da tripulación fixeron hoxe escala na Coruña no Iona, un dos cruceiros máis grandes do mundo con case 345 metros de eslora. É a última parada deste cruceiro antes da súa volta a Southampton e tamén unha das últimas escalas este ano na Coruña, un ano histórico para o turismo de cruceiros na cidade.
Para facerse unha idea das súas dimensións, pódese dicir que toda a poboación de Betanzos, ou a de Ordes, toda de Baiona ou a de Bueu, podería aloxarse no Iona, unha auténtica cidade flotante pensada para unhas vacacións familiares a través do océano. Esta escala na Coruña é a última dunha singradura de 14 noites en que os viaxeiros puideron visitar distintas cidades. A primeira delas, tras partir de Southampton, foi Vigo, pero houbo outras. Barcelona, Alacante ou Málaga, por exemplo.
A folga de prácticos do porto de Lisboa obrigou a cancelar a escala prevista na capital portuguesa, o que propiciou esta parada non programada inicialmente na Coruña. Así que, para moitos, a cidade era esta mañá unha auténtica descoñecida. Aínda que había excepcións, como a dunha parella belga que, ao divisar desde o barco os cantóns coruñeses recordou a súa estadía anterior. Quizais por iso tiñan claro que o tempo na cidade destinaríano á gastronomía local e, máis concretamente, aos pementos de Padrón. Tomar un café e atopar algún museo foi tamén a opción elixida por outros.
O Iona ofrece cifras de vertixe: 345 metros de eslora, capacidade para 5.200 pasaxeiros, cinco piscinas, 33 bares e restaurantes e seis salóns de actos.
Sobre as cinco da tarde partirá cara ao seu porto base de Southampton. Esta escala na Coruña confirma, a falta de que finalice o ano, o pulo da cidade como destino a través do mar: 137 barcos de vacacións recalaron este ano no seu porto con máis de 210.000 visitantes, o que converte os cruceiros na principal vía de entrada de turismo estranxeiro na cidade.