O Pesca II participa no rescate de seis tripulantes dun veleiro afundido en Asturias
Foron trasladados en bo estado no helicóptero, con base en Viveiro, mentres que o veleiro non puido ser arrastrado e afundiuse
O afundimento produciuse a 28 millas de Cabo Peñas

Seis tripulantes dunha embarcación que sufrira unha vía de auga que non puideron controlar cando se atopaba a unhas 28 millas ao noroeste do cabo Peñas (Asturias) foron rescatados ilesos, informou a EFE Salvamento Marítimo.
Segundo as mesmas fontes, o aviso recibiuse pasadas as 10:00 horas e os tripulantes do veleiro Toftevaag, de armador español e bandeira holandesa, foron trasladados en bo estado nun helicóptero ata o aeroporto de Asturias, mentres que o veleiro no que viaxaban finalmente non puido ser arrastrado e afundiuse.
No momento do aviso, activouse un operativo de rescate no que se mobilizou a embarcación Salvamar Rigel de Salvamento Marítimo e, posteriormente, o helicóptero Pesca 2, con base en Viveiro (Lugo).