O PPdeG revalidaría a maioría absoluta, o BNG manteríase e o PSdeG subiría
O PPdeG revalidaría a maioría absoluta, o BNG manteríase e o PSdeG subiría
A enquisa publicada polo Grupo El Progreso tamén abre a porta á entrada de Democracia Ourensana e de Sumar
O PPdeG revalidaría a súa maioría absoluta no Parlamento galego con entre 40 e 42 escanos, o BNG mantería os 19 actuais no mellor dos casos e o PSdeG continuaría como terceiro partido con entre 14 e 17 representantes.
Segundo unha enquisa publicada polo Grupo El Progreso, a menos dun mes da celebración dos comicios autonómicos, preto do 36 % das persoas consultadas aínda non sabe que vai votar ou prefire non dicilo.
A sondaxe tamén abre a porta á entrada de Democracia Ourensana e de Sumar.
Resultados similares por provincias
Por provincias, a enquisa mantén uns resultados similares aos que se rexistraron no 2020. Na Coruña, o PP obtería entre 13 e 14 deputados; o BNG, entre 6 e 7; o PSdeG, entre 4 e 5; e Sumar, entre 0 e 1.
En Pontevedra, outórgalles aos populares 11 escanos, e entre 5 e 6 tanto ao BNG como ao PSdeG.
En Ourense incorpora a posibilidade de que Democracia Ourensá, a formación do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome, entre no hemiciclo. Ademais, augura entre 7 e 8 actas para o PPdeG; e tres a nacionalistas e socialistas.
Na provincia de Lugo a enquisa estima que os populares repetirían os nove deputados e BNG e PSdeG quedarían entre 2 e 3.
Valoración de líderes
Sobre a valoración de líderes, a sondaxe feita esta mesma semana, entre os días 22 e 26, sitúa o líder do PPdeG, Alfonso Rueda, como o máis valorado, cunha nota de 5,9, seguido de José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), cun 5,5, e de Ana Pontón (BNG), cun 5,3.
En canto a identificación dos candidatos e candidatas, outorga a Rueda un recoñecemento do 86,1 %; a Pontón, do 80,9 %, e a Besteiro, do 61,4 %.