O TSXG revisa a condena de 40 anos de cadea polo dobre crime de Soutomaior
O TSXG revisa a condena de 40 anos de cadea polo dobre crime de Soutomaior
En maio un xurado condenou a 40 anos de cadea a Miguel Gil por matar a tiros a súa irmá e a súa sobriña
A defensa pide a absolución e as acusacións demandan que se ratifique a sentenza
Miguel Gil, condenado a 40 anos e dous meses de cadea polo asasinato da súa irmá e o da súa sobriña, e tamén por un delito de tenza ilícita de armas, seguiu deste o cárcere da Lama a vista de apelación.
A súa avogada explicou que as vítimas acudiron á vivenda de Miguel tras botarlle a porta abaixo, polo que, segundo dixo, as súas intencións non eran boas. Engadiu que no interior forcexaron e que Miguel lles advertiu que se fosen da casa. Asegurou que o xa condenado non tiña intención de dispararlles e que tivo que facelo en lexítima defensa. Entende así que os feitos non se poden considerar como dous asasinatos porque non houbo premeditación, e pide a libre absolución.
Pola súa banda, a Fiscalía entende que houbo unha reacción desmesurada por parte de Miguel Gil e que as vítimas non puideron defenderse porque non agardaban esa situación. Antes de pedir que se ratifique a sentenza emitida pola Audiencia Provincial de Pontevedra, asegurou que a agravante de parentesco é evidente.
Amais dos 40 anos de cadea foi condenado ao pagamento dunha indemnización de 257.000 euros a tres familiares das vítimas.
Dentro duns días, o alto tribunal galego dará a coñecer a súa sentenza.