O xurado declara por unanimidade culpable de asasinato o home acusado de matar a súa nai en Oroso
O xurado declara por unanimidade culpable de asasinato o home acusado de matar a súa nai en Oroso
O Tribunal Popular tamén considerou que é culpable de incendiar a vivenda familiar
O xurado declarou, por unanimidade, culpable de asasinato o home acusado de matar a súa nai e de incendiar o domicilio familiar en xuño de 2021 en Oroso. Foi tras un xuízo celebrado na Audiencia Provincial da Coruña, en que o home se declarou inocente e apuntou como causa da morte unha posible asfixia da súa nai ao consumir unhas pastillas.
En contraposición a este argumento, os dous médicos forenses que elaboraron o informe da autopsia da muller ratificaron, na súa declaración, que a causa do falecemento foi "a estrangulación".
Na lectura das conclusións, o Ministerio Público cualificou os feitos como constitutivos dun delito de asasinato, polo que pediu unha pena de 20 anos de cárcere, e outro de incendio, polo que solicitou 12 anos de prisión, ao considerar que "a suma de elementos probatorios demostran que matou á súa nai". Pola contra, o avogado do acusado solicitou a absolución.