Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os ministros de pesca da UE inician en Vigo o debate sobre o futuro do sector

Os ministros de pesca da UE inician en Vigo o debate sobre o futuro do sector

Antes da xunta visitaron a lonxa de Vigo ás cinco da mañá

G24.gal 18/07/2023 09:53 Última actualización 18/07/2023 10:56

Dende as nove da mañá están reunidos en Vigo os ministros de pesca da Unión Europea para discutir como o sector pode cumprir cos obxectivos do Pacto verde Europeo. 

Antes de se achegaren ao Auditorio onde se desenvolve a xuntanza, os participantes visitaron de madrugada a lonxa de Vigo. 

Cun forte despregamento policial, a delegación, co ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, coñeceu de primeira man as instalacións que reflicten a estreita vinculación entre Vigo e o mar no momento en que a actividade é máis incesante e se realizan as poxas de peixe fresco.

A lonxa viguesa, onde departiron con algúns traballadores, é o punto de partida de boa parte do peixe que se consome en España e Europa. Alí póxanse diariamente 130 toneladas de peixe fresco, 34.000 ao ano, cun valor económico de 147 millóns de euros.

Tamén chegan ao porto vigués máis de medio millón de toneladas de peixe conxelado, que teñen un valor de 2.000 millóns de euros anuais.Á industria pesqueira súmase a conserveira, con outros 596 millóns de euros de volume de negocio.

Galicia é a comunidade autónoma que concentra o maior número de buques pesqueiros a nivel nacional, co 49,02 % do total da frota española.

Os responsables da pesca tamén coñeceron o proxecto 'Lonxa 4.0', que foi presentado en xaneiro para conseguir unha importante redución do consumo enerxético anual.

O obxectivo fixado pola Unión Europea é que o sector pesqueiro deixe de producir emisións netas de gases contaminantes en 2050 sen que iso lle supoña graves prexuízos económicos. Como conseguilo é o que hoxe se discute nesta xuntanza de ministros en Vigo.

A delegación española, encabezada polo ministro Luis Planas, pretende que o debate se amplíe e se converta nunha reflexión sobre o futuro da pesca en Europa. Planas quere que se fale da descarbonización do sector, pero poñendo sobre a mesa problemas a que se enfrontan os armadores, como a rendibilidade da súa actividade ou o relevo xeracional. 

Unha das cuestións en que a delegación española fará fincapé neste encontro é a necesidade de que a Union Europea rompa o tabú de que non se debe financiar a construción de novos buques pesqueiros.

As conclusións da reunión coñecerémolas a partir da unha, cando comparezan ante os medios o ministro Planas e o comisario de Medio Ambiente e Pesca da Unión Virxinius Sinkevicius.

O comisario Sinkevicius puxo o foco na importancia das novas tecnoloxías e en combustibles máis eficientes para avanzar na descarbonización do sector.  Sinkevicius reivindicou que non se pode desenvolver unha pesca sustentable e eficaz coa tecnoloxía dos anos 60 ou 70, polo que é importante proporcionar todas as ferramentas necesarias e as embarcacións á industria. 

Ademais da renovación da frota, tamén se referiu á substitución xeracional xa que, a pesar de que a pesca é unha profesión "moi nobre", aos mozos "cada vez llles atrae menos".   Preguntado sobre o veto á pesca de fondo, Sinkevicius quixo "ser claro" e asegurou que o plan presentado pola a Comisión non inclúe a prohibición da pesca de arrastre de fondo "como tal". Pero si dixo que é importante analizar a eficiencia das diferentes artes de pesca e dos combustibles.  

Ademais, mostrouse aberto a debater sobre cambios nos sistemas de medición do arqueo dos barcos, unha solicitude que se pediu tamén desde España.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade