A Garda Civil reconstrúe o rescate dunha muller nun incendio en Cambre
A Garda Civil reconstrúe o rescate dunha muller nun incendio en Cambre
O incendio orixinarase na campá extractora da cociña, e a fumareda inundou todo o edificio
A muller berraba pedindo auxilio, e os axentes botaron a porta abaixo para socorrela
Estaban cerca, así que os dous axentes da Garda Civil de Cambre foron os primeiros en chegar para auxiliar nun aviso de incendio no Temple. Un veciño alertara de que había fume nun piso e unha muller atrapada no interior.
"A señora pedía socorro" relata Carlos Álvarez Carrillo. "Deille unha patada á porta e por sorte abriu á primeira, e entramos a gatas porque non se vía nada".
O piso estaba invadido polo fume, e tiña todas as persianas baixadas. "Non se vía nada, entre o fume e que estaba todo pechado, non se vía nada", conta o seu compañeiro, José Enrique Álvarez.
Din que, para cando deron coa muller, apenas podían respirar. Tiveron que actuar por etapas: "vimos que estaba viva, seguía pedindo socorro, pero nese momento non podiamos sacala porque tardamos moito en chegar onde ela, así que saímos", explica Carrillo.
Colleron aire e volveron entrar, pero tampouco conseguiron movela, así que pediron unha manta os veciños. "Non fomos quen de movela coa manta -explica Álvarez- e non foi ata que chegaron os compañeiros de ambulancias que puidemos sacala cunha padiola á rúa".
Os tres tiveron que ser trasladados ao hospital, afectados pola inhalación de fume. Os bombeiros de Arteixo extinguiron o incendio, que calcinou parte da cociña, e confinaron os veciños para evitar intoxicacións, porque a fumareda estendeuse polas escaleiras.
Preocúpalles o estado da muller, duns oitenta anos. O último que saben dela é que segue ingresada na UCI.