Os restos mortais da moza viveirense falecida na Habana chegarán este xoves
Os restos mortais da moza viveirense falecida na Habana chegarán este xoves
O mozo da falecida, César Román Santalla, natural das Pontes, continúa ingresado nun hospital da Habana, en estado grave pero estable
Os restos de Cristina López-Cerón, a moza viveirense falecida na explosión do hotel Saratoga da Habana, serán repatriados de forma inminente. Segundo a Delegación do Goberno, prevese que nesta mesma xornada se inicie o seu traslado, dado que xa foi inscrita a súa defunción no Rexistro Civil e no Consulado Xeral de España en Cuba.
José Manuel Miñones, delegado do Goberno en Galicia: "Estamos mirando todo o que é a tramitación, que xa se acelerou na parte administrativa, e mais os horarios de voo para facer o encaixe. O obxectivo é que mañá poida estar por aquí".
A nova deste traslado foi recibida con alivio en Viveiro, onde residen a familia da finada e boa parte dos seus achegados. Tamén no instituto María Sarmiento, onde a falecida rematara os seus estudos de ensino secundario hai tan só once anos.
Helena Pérez Inés, directora do IES María Sarmiento de Viveiro: "Aquí estudou a ESO e o bacharelato. Concretamente, titulouse no curso 2010-2011, polo que moito do profesorado lémbrase dela".
Pola súa parte, o mozo da falecida, César Román Santalla, natural das Pontes, continúa ingresado nun hospital da Habana, en estado grave pero estable. De ser favorable a súa evolución, prevese que a semana vindeira poida ser trasladado de volta ao noso país.