Rescata un can ferido dun colector do lixo en Vigo ao que o botaron para non pagar a operación
Rescata un can ferido dun colector do lixo en Vigo ao que o botaron para non pagar a operación
O can estaba metido en dúas bolsas e cuberto con trapos
A policía localizou o propietario do can, que foi ferido por outro can dese mesmo home
Roco volveu nacer o día que facía cinco anos. Atopouno Víctor nun colector do lixo cando axudaba un amigo a buscar a carteira que perdera na zona da Florida, en Vigo. Sentiu unha respiración e cando volveu mirar observou que unha bolsa se movía. Non eran unha, senón dúas, e no interior estaba o chihuahua con múltiples feridas e parte das vísceras fora do corpo.
Era domingo e levou o chihuahua ao veterinario de garda na zona de Navia. Este recoñeceu o can, malia que non levaba chip, porque o atendera horas antes. O seu dono dixo entón que fora atacado gravemente por outro dos seus cans, e na clínica veterinaria dixéronlle que había que operalo e que o custo era duns setecentos euros. O dono de Roco dixo entón que o levaría a outro veterinario amigo seu e sería entón cando supostamente o botou ao lixo.
Dende o primeiro momento Víctor quixo facerse cargo de Roco e asumiu o custo da operación. Familiares, amigos e veciños de Castrelos organizaron un crowfounding e en 48 horas acadaron o 90 % dos cartos. Mentres, a unidade medioambiental da Policía Local de Vigo investigou na clínica veterinaria ata dar co dono do can, un home de cincuenta e catro anos que está investigado por un suposto delito de maltrato animal.