Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan unha muller que caeu nunha tumba aberta no cemiterio de Castrelo de Miño

Rescatan unha muller que caeu nunha tumba aberta no cemiterio de Castrelo de Miño

Precipitouse uns cinco metros, polo que os servizos de emerxencias a retiraron nunha padiola

Estaba a colocar flores cando caeu no interior

G24.gal 03/09/2023 13:54 Última actualización 03/09/2023 20:39

Unha muller foi rescatada na mañá deste domingo tras caer nunha tumba aberta, duns cinco metros de profundidade, no cemiterio da localidade ourensá de Santa María, en Castrelo de Miño.

Amador Fernández, ocúpase do mantemento do cemiterio:

"Saímos da misa ás 11:30, estaba tomando café e chamáronme: vai alá, que caeu unha muller ao buraco da sepultura, rompeulle a pedra..."

O 112 informa que ás 11:30 horas recibiron a chamada dun particular que indicaba que era necesaria a intervención de equipos de emerxencia que puidesen achegarse até a ferida, que estaba consciente e orientada. 

Así, a central de emerxencias solicitou a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Carballiño e dos efectivos do GES de Ribadavia.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención usaron unha padiola e rescataron a muller, que recibiu atención médica por parte do persoal sanitario. Tiña fortes dores nas costas.

O operativo foi completado polos axentes da Garda Civil e desde o 112 avisaron os membros de Protección Civil da localidade, por se fose necesaria a súa colaboración.

Segunda vez

É a segunda vez que ocorre un incidente así neste singular cemiterio que rodea un dos templos máis emblemáticos da zona, a igrexa Santa María, de orixe románica e que actualmente coroa o encoro de Castrelo.

"O día dun enterro. Arrimouse a aquela pedra e foise abaixo. Caeu por un oco duns 50 centímetros, de pé. Teñen unha sorte!", sinala Amador.

O 061 trasladou a muller para facerlle probas. Malia a que non parecía grave, queixábase de dor nas costas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade