Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban 4.000 euros en tabaco nun estanco das Nogais

Rouban 4.000 euros en tabaco nun estanco das Nogais

As cámaras de videovixilancia captaron dous homes encapuchados que cargaron tabaco en bolsas e fuxiron

G24.gal 26/08/2022 13:21

Roubo nas Nogais. Os ladróns romperon cunha maza a porta dun estanco de madrugada e levaron máis de 4.000 euros en tabaco. A Garda Civil busca os autores do roubo; dous homes que apenas tardaron tres minutos en coller e fuxir co botín.

Ás catro da mañá deste mércores saltaban as alarmas do establecemento. Os delincuentes romperon cunha maza a porta de cristal. No interior abriron a patadas a porta do almacén, cargaron tabaco en bolsas e fuxiron. Todo en poucos minutos.

"Foi unha cousa moi rápida. Romperon o cristal, que era moi groso, entraron no cuarto de atrás colleron o tabaco e marcharon", di a sogra da propietaria do estanco.

"Polo que se ve nas cámaras sabían moi ben ao que viñan e imaxino que nalgún momento xa estiveran dentro e coñecían o local", conta a propietaria.

Os veciños non se decataron porque a alarma é silenciosa, aínda que alguén escoitou como botaban a porta abaixo, sen saber ben a que se debía o ruído.

As cámaras interiores captaron dous homes encapuchados que agora busca a Garda Civil. Non é o primeiro roubo nos últimos meses nestes concellos da montaña lucense. 

A propietaria do estanco di que "xa roubaron no Muíño e dous ou tres veces en Delicias". "Só hai unha patrulla para a zona dos Ancares e iso é moi pouco. Estamos desprotexidos".

Os veciños reclaman que se reforce a presenza das forzas de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade