Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban en Valga cen metros de valado de madeira na Fervenza de Parafita

Rouban en Valga cen metros de valado de madeira na Fervenza de Parafita

O concello pide axuda aos veciños da contorna para poder dar cos ladróns

O valado protexe aos camiñantes dunha caída de máis de cinco metros de altura
G24.gal 14/04/2022 13:50

En plena semana de lecer os ladróns deixaron sen protección un dos sendeiros máis transitados de Valga, o que leva a fervenza de Parafita. A colaboración dos veciños pode ser unha peza fundamental para dar cos delincuentes. Son uns cen metros de valado o que levaron.

Barras redondas de madeira tratada, pertencentes ao tramo comprendido entre a zona de estacionamento de vehículos e a ribeira do río ata chegar ao primeiro muíño.

E con este roubo non só atentaron un ben de dominio público, senón que o fixeron en plena Semana Santa, cando este lugar recibe a visita de centos de persoas.

A varanda é de seguridade e está instalada no carreiro de acceso a este espazo natural para evitar que os camiñantes poidan sufrir unha caída por un noiro de máis de cinco metros de altura, co que tamén poñen en perigo aos cidadáns que poidan desprazarse a ese lugar.

O concello pide que se alguén da contorna viu un camión, furgón, remolque ou calquera outro vehículo que puidese servir para transportar a madeira o comunique. Ou se alguén está a facer unha instalación semellante e lle ofrecen madeira como a roubada o denuncie.

A instalación e mellora da contorna da Fervenza de Parafita non é un investimento millonario, pero si supón un belisco ao orzamento público dun concello pequeno como o de Valga que tivo que valerse de axudas doutros organismos. Calquera dato por pequeno que sexa sempre pode axudar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade