Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban uns mil litros de gasóleo da maquinaria e camións dunha empresa en Teo

Rouban uns mil litros de gasóleo da maquinaria e camións dunha empresa en Teo

O valor do combustible roubado é duns 1.600 euros

Imaxe do depósito dun dos camións que baleiraron os ladróns
G24.gal 19/01/2023 13:47

A suba do prezo do gasóleo converteuno nun produto cotizado e cobizado. E se non que llo digan a un empresario de Teo, moi preto de Santiago, ao que lle roubaron o combustible dos camións e máquinas que garda diante mesmo da súa casa. Leváronlle uns mil litros de gasóleo. Pide colaboración cidadá para dar cos autores do roubo.

O terreo onde Miguel garda a maquinaria e os camións da empresa están aos pés da súa casa, rodeado de vivendas habitadas e mesmo dunha urbanización. Nada foi impedimento para que na madrugada de onte, os ladróns, supón que varios, accederan á propiedade cortando o valado metálico e lle baleiraran os depósitos de todos os vehículos: uns mil litros de gasóleo.

Ademais do custo do combustible roubado, uns 1.600 euros, Miguel lamenta os inconvenientes que lles xerou. Pero tamén a impotencia e a sensación de inseguridade, porque nada impide que se volva repetir.

Confía en que as cámaras de seguridade que hai na urbanización de enfronte poidan achegar algunha pista dos ladróns. Pide tamén colaboración cidadá por se alguén viu algo estraño esa noite.

Miguel aínda non puido presentar denuncia na Garda Civil porque lle deron cita para esta tarde no cuartel do Milladoiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade