Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aumentan a oito os mortos no afundimento do Argos Georgia nas Malvinas, dous deles galegos

Aumentan a oito os mortos no afundimento do Argos Georgia nas Malvinas, dous deles galegos

Un dos galegos falecidos é o patrón de pesca, da parroquia viguesa de Valadares. O outro é o cociñeiro, de Baiona

Aínda hai cinco desaparecidos, dous deles españois, un galego

Entre os catorce sobreviventes estarían o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, todos de Ribeira

Os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo envían unha mensaxe de condolencia e solidariedade por esta nova traxedia

Emerxencia nun pesqueiro con tripulación galega que sufriu unha vía de auga

Imaxe do barco que se afundiu nas Malvinas
G24.gal 23/07/2024 11:32 Última actualización 24/07/2024 01:51

As últimas informacións facilitadas polo servizo de Salvamento das Malvinas sitúan en oito os falecidos no naufraxio do 'Argos Georgia', a unhas 170 millas desas illas. Hai cinco desaparecidos e catorce superviventes. Así o comunicaba contra a medianoite a Delegación do Goberno en Galicia.

Dous dos mortos eran galegos, como un desaparecido e 3 superviventes

Un dos galegos falecidos era o patrón de pesca, natural da parroquia viguesa de Valadares. O outro, o cociñeiro, do municipio pontevedrés de Baiona.  

Entre os que sobreviviron estarían o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, todos de Ribeira e que xa falarían coas súas familias. Da localidade coruñesa tamén é un dos desaparecidos.

Todos os superviventes están ben

Desde a Delegación do Goberno en Galicia din que, atendendo aos informes recibidos, os sobreviventes están ben; unicamente se deu conta de lesións leves e de doenzas pouco importantes. O hospital King Edward VII Memorial, nas Malvinas, está preparado para recibilos.

Case trinta horas despois de que saltasen ás balsas salvavidas, a patrulleira de inspección pesqueira local 'Lilibet' navega en dirección ao porto de Stanley con 13 dos rescatados.

O outro permanece no arrastreiro 'Robin M. Lee', participado por unha empresa de Vigo, que tamén recuperou un dos cadáveres. A súa intención era permanecer na zona toda a noite. Outros dous corpos recuperounos o pesqueiro 'Puerto Toro'.

27 persoas a bordo

Polo que transcendeu, ademais dos españois -dous deles observadores científicos-, no 'Argos Georgia' había tripulantes rusos, indonesios, uruguaios e peruanos.

A media tarde, en hora galega, a Armada arxentina recibía a alerta de activación da radiobaliza do buque, con bandera de Santa Elena. Estaba a unhas 170 millas do porto de Stanley, nas illas Malvinas. Había mala mar e forte vento.

Arredor dun par de horas despois, a tripulación comunicaba que o barco tiña unha vía de auga e que ían saltar ás balsas salvavidas. O palangreiro acabou indo a pique.

Segundo a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o barco afundiuse de madrugada.

O presidente Rueda di que a Xunta segue ao minuto a operación de rescate dos mariñeiros e agarda que estean a salvo canto antes.

Este mércores, familiares das vítimas do naufraxio do Vila de Pitanxo quixeron lanzar unha mensaxe de condolencia e solidaridade coas familias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade