Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UME logra rescatar dous irmáns e a súa nai con vida entre os cascallos de Turquía

A UME logra rescatar dous irmáns e a súa nai con vida entre os cascallos de Turquía

A pesar de que segue aparecendo xente con vida, comezan a suspender os traballos de busca de sobreviventes nalgunhas áreas afectadas

O número de mortos achégase aos 22.000 e converten estes tremores nos máis letais na zona no último medio século

Oito voluntarios de Ferrol e un de Muros traballan para rescatar sobreviventes en Turquía

Membros da UME despregados na cidade de Nurdagui logran atopar con vida tres membros dunha familia
G24.gal 10/02/2023 13:29 Última actualización 10/02/2023 21:41

A Unidade despregada na cidade de Nurdagui logrou atopar tres membros dunha mesma familia baixo os cascallos dun edificio destruído hai 24 horas. Un son, o cheiro dun dos seus cans e a destreza dos seus membros puxeron a todos en alerta ao pensar que podería haber algunha vida agochada.

Tras unha noite traballando arreo, primeiro con maquinaria pesada e despois coas súas propias mans, a UME atopou o milagre: dous irmáns e a súa nai aínda vivos pese a permanecer desde a madrugada do luns entre formigón e pedras do que foi o seu fogar.

Cun traballo de enxeñería de precisión, os membros da UME sacaron primeiro un neno vestido co pixama co que durmía cando todo se derrubou. O pequeno choraba abrazado a un membro do equipo de rescate que o cubriu cun abrigo. Minutos despois rescataban a súa irmá, maior que el, e finalmente a súa nai.

Suspenden traballos nalgunhas zonas

A autoridades de Turquía e Siria comezan a dar por rematados os traballos de rescate de sobreviventes nas zonas devastadas polos terremotos deste luns. O número de mortos achégase aos 22 mil e converten estes tremores nos máis letais ocorridos na zona no último medio século.

Cinco días despois de que dous potentes terremotos devastaran o sueste de Turquía e o noroeste de Siria, as posibilidades de atopar xente con vida baixo os cascallos esvaécense e o desentullo á man vai sendo substituído polas máquinas pesadas.

As autoridades turcas suspenderon a busca de sobreviventes en dúas das dez rexións afectadas e anunciaron que están a piques de rematar noutras tres. O número de mortos achégase aos 22 mil entre ambos os dous países e os feridos superan os 79.000.

Só en territorio turco, son máis de 12.000 os edificios destruídos e na cidade de Kahramanmaras, epicentro dos tremores, o 40 por cento das construcións quedaron inutilizadas. As autoridades turcas confirmaron que 125.000 persoas foron evacuadas a outras zonas do país. 

Yagiz Ulas, un bebé de10 días, rescatado polos bombeiros na localidade turca de Samandag. Yagiz Ulas, un bebé de10 días, rescatado polos bombeiros na localidade turca de Samandag.

Outros milagres entre os cascallos 

Nas últimas horas, de entre os edificios derruídos tamén foron sacados con vida varios nenos, como Yagiz Ulas, un bebé de dez días, rescatado polos bombeiros en Samadang, na costa mediterránea, xunto coa súa nai.

Ao outro lado da fronteira, os voluntarios sirios conseguían rescatar unha pequena que vivía na localidade de Jandaris.

O nivel de destrución e letalidade destes tremores supera xa ao sismo ocorrido en 1999 con epicentro en Izmit, nas proximidades de Istambul, e só é superado polo de Erizan, no centro de Turquía, que en 1939 causou máis de 30.000 mortos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade