Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un autobús cae ao río Lérez dende o alto dunha ponte e deixa só dous superviventes

Un autobús cae ao río Lérez dende o alto dunha ponte e deixa só dous superviventes

Hai catro falecidos e pénsase que tres desaparecidos

O sinistro aconteceu no lugar de Pedre, en Cerdedo-Cotobade

G24.gal 25/12/2022 14:47 Última actualización 25/12/2022 15:24

A traxedia desta Noiteboa nas estradas galegas xestouse na vía que xunta Pontevedra e O Carballiño, preto das dez da noite pasada. Unha persoa avisaba da posible caída dun vehículo dende unha ponte, no lugar de Pedre, no concello Pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Pouco despois outro alertante pedía axuda. Era un dos nove ocupantes dun bus que viña de Lugo e que acababa de precipitarse ao río Lérez.

"Unha saída de vía dun autobús dende unha ponte que ten uns corenta metros e caeu ao río. O aviso deuno un dos pasaxeiros do autobús, e enseguida puxemos os dispositivos en marcha", asegura Fernando Tato, Xefe do destacamento da Garda Civil de Tráfico de Lalín.

Ao lugar dirixíronse os servizos de emerxencias, que nunha arriscada manobra de rescate conseguían salvar dous superviventes: o condutor e unha pasaxeira, que foron trasladados ao hospital. Pouco despois os bombeiros localizaban os corpos de dúas mulleres. Outros cinco pasaxeiros permanecían desaparecidos.

No operativo participaron, entre outros, os bombeiros de Pontevedra e do Deza, o GES da Estrada e Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, así como a Garda Civil de Tráfico e os servizos sanitarios. As causas do accidente estanse a investigar.

"Esta estrada, con esta choiva e o temporal que fixo polo serán e esta noite, estaba xa mal. Certo é que isto é unha recta  e non debería haber ningún problema, pero descoñecemos os motivos e as causas (do accidente)", manifestaba o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

O alcalde cualificaba o sinistro de "traxedia sen paliativos". A longa noite e a busca dos desaparecidos non facía máis que empezar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade