Un garda civil de Laxe sálvalles a vida a dúas mulleres en apuros nunha praia de Cabana
Un garda civil de Laxe sálvalles a vida a dúas mulleres en apuros nunha praia de Cabana
As dúas mulleres, de 40 e 13, anos saíran coas táboas de bodyboard e quedaron atrapadas nunha furna
Dous axentes da Garda Civil de Laxe protagonizaron un arriscado rescate de dúas mulleres que estaban en apuros na praia de Rebordelo, en Ponteceso.
Saíran con táboas de bodyboard e quedaron atrapadas nun espigón. Un dos axentes botouse á auga para rescatalas. Malia que neste caso tivo final feliz, fan unha chamada á prudencia porque este verán están producíndose numerosos rescates na Costa da Morte por causa de neglixencias.
Juan Antonio e Alberto recibían esta mañá os parabéns dos veciños polo exitoso rescate que protagonizaron onte na praia de Rebordelo.
Dúas mulleres de 40 e 13 anos saíran coas táboas de bodyboard e quedaron atrapadas nunha furna. A lancha da Cruz Vermella intentou achegarse, pero a manobra era moi arriscada e tiveron que abortala. Juan e Alberto, coñecedores da zona, lograron acceder por terra e Juan non dubidou en botarse á auga para rescatalas.
Malia que o rescate foi arriscado, ambos aseguran que volverían facelo. A satisfacción do deber cumprido e as facianas de ledicia das mulleres e das familias, aseguran, foron o maior premio.
Con todo, aproveitan para enviar unha chamada á prudencia e responsabilidade aos bañistas ante os numerosos rescates por neglixencias que se están producindo.