Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha muller de Cambados denuncia o acoso dun veciño

Unha muller de Cambados denuncia o acoso dun veciño

O home ten unha orde de afastamento dela e da súa familia, pero a vítima denuncia que a incumpre constantemente

Decidiu facer público o seu caso para pedir maior protección
G24.gal 13/02/2024 14:39

Di que o calvario empezou para ela en agosto de 2022, cando coincidiu cun veciño nun bar en Cambados. "Veu pedirnos tabaco, non llo demos e empezou con insultos e con ameazas", relata a muller, que afirma que nese momento decidiron marchar do local. 

Pero a sorpresa foi que a cousa non quedou aí. O veciño foinos buscar á casa, e enfrontontouse á nai dela, que ten mobilidade reducida. 

"Cando chegamos vexo a este veciño levantando a persiana e collendo a miña nai polos brazos", conta esta muller, que prefire manterse no anonimato. "Abalanceime sobre el para quitarllo á miña nai de enriba, pegoume a min -relata-, entón meu home veu defenderme e pegoulle ao meu home".

Desa lea saíron denuncias cruzadas por agresión. Viven na mesma parroquia de Corvillón, e dende entón tiveron varios encontróns, pero a situación recruou hai uns meses, cando chegaron o xuízo e a sentenza. Condenárono cunha multa e unha orde de afastamento a 200 metros durante seis meses, pero ela denuncia que o agresor a incumpre constantemente. 

"Todos os días, e con ameazas, achégase e di que me vai cortar o pescozo" conta a muller. Afirma que ten medo "porque é unha persoa agresiva e depende de como estea, claro que teño medo".

Con ese medo buscou axuda na asociación de mulleres vítimas da violencia ESMAR. Aquí fixéronlle unha primeira recomendación: "que denuncie todo" resume a presidenta, Soledad Cores. "Se nun momento dado vai a xuízo, consta que ten tantas denuncias e son probas contra el", engade.

Así fai a muller, denuncia cada incumprimento da orde de afastamento. A Garda Civil dá traslado ao xulgado, pero o tempo corre e séntese indefensa. Di que este acoso truncoulle a vida. "Non fago nada, cortoume toda a vida. Non como, nin durmo, estou intranquila, ando mirando para atrás, e cada vez que vexo a esta persoa dáme a ansiedade", relata. 

De acordo coa asociación, decidiu facer público o seu caso para pedir auxilio e protección. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade