Unha muller de Sanxenxo denuncia o constante acoso que sofre da súa exparella
Unha muller de Sanxenxo denuncia o constante acoso que sofre da súa exparella
Rosa María Padín asegura que el incumpre a orde de afastamento que lle impuxeron e que recibe constantemente chamadas con ameazas
"Que fagan algo, que impidan que esta persoa me moleste. Que me deixe vivir en paz", pide Rosa
Máis de 20 denuncias interpostas á súa exparella por incumprir a orde de afastamento ditada o pasado mes de xuño. Unha veciña de Sanxenxo denuncia que está a sufrir un constante acoso, ela, a súa familia e o círculo de amizades, por parte do home do que se separou hai tres. Di estar desesperada e teme que vaia a máis.
Rosa María Padín, de 55 anos, veciña de Portonovo, di que xa non sabe que facer. Di levar meses sufrindo un acoso case diario por parte da súa exparella, a cal denunciou en innumerables ocasións, a última onte mesmo.
"Insultos, chamadas, pintadas", di Rosa María, quen asegura que ata chegaron a atendela "en Pontevedra por ansiedade".
Foi nese momento, cando denunciou en Pontevedra e a xustiza deulle a razón, ditando en xuño unha orde afastamento de 100 metros e a imposibilidade de comunicarse con ela. Aínda así, non tivo o efecto desexado.
"Temos chamadas del, ameazas de morte... isto é imposible, non hai quen o pare", relata e explica que tamén a súa familia e as súas amizades están a sufrir.
A desesperación fixo que persoas da súa contorna fagan garda tanto nos negocios que rexenta Rosa como nas vivendas da súa propiedade, para evitar pintadas e gravan as chamadas. Con todo, din que isto non será suficiente se a xustiza non actúa pronto.
"Que fagan algo, que impidan que esta persoa me moleste, que non me estea acosando todos os días, que non me faga danos materiais. Que me deixe vivir en paz", conclúe Rosa.