Unicef quere aproveitar o alto o fogo en Gaza para reforzar a asistencia

Subliña que a colaboración cidadá é crucial neste momento

G24.gal 25/11/2023 13:03 Última actualización 25/11/2023 14:23

Desde Unicef, a axencia das Nacións Unidas encargada de garantir os dereitos da infancia, afirman que están listos para introducir trinta camións diarios de axuda en Gaza aproveitando a tregua, e piden a colaboración económica da cidadanía.

"Agora si podemos poñer toda a capacidade loxística que hai desde Unicef para aproveitar ao máximo esta pausa", subliña o director executivo de Unicef España.

Chema Vera recorda que hai un millón de menores na Faixa en situación de inseguridade total, como mostran as cifras deste mes e medio de bombardeos de Israel.

"Estamos falando xa de máis de 6.000 nenos e nenas asasinados nestes 45 días. Hai 1.500, como mínimo, dos que non se sabe nada e que seguramente están baixo os cascallos. Hai moitísimos feridos e tamén enfermos. Estanse producindo enfermidades, como diarrea e disentería", subliña.

En Unicef existe moita preocupación tamén polos cativos que quedaron orfos ou están perdidos. Ata agora, os ataques, sobre todo no norte do territorio, puxéronlles moi difícil acceder a eles.

"Puidemos evacuar neonatos e nenos enfermos e feridos en estado crítico do norte aos hospitais que quedan activos no sur, pero hai moi pouca capacidade para acceder ao norte", explica o director executivo de Unicef España.

Os cidadáns que queiran colaborar con Unicef en Gaza, pódeno facer a través da páxina web unicef.es.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade